Os 15 locais da Asociación de Hostalería de Barreiros renuncian a abrir este luns

O colectivo cuestiona que os establecementos poidan ofrecer as garantías sanitarias ao non haber unha normativa concreta e dubida da rentabilidade dos negocios neste contexto

O Asador. PÁXINAS GALEGAS

Os establecementos da asociación de Hostalería de Barreiros non retomarán polo momento a súa actividade. Malia que a partir deste luns se permite a apertura das terrazas ao 50 por cento da súa capacidade, os 15 hostaleiros que integran a agrupación decidiron pospoñer á apertura ante as dúbidas sobre as medidas sanitarias que deben adoptar e a sostibilidade económica dos negocios nas condicións autorizadas.
Os empresarios sinalan que “a falta de medidas oficiais concretas” xenera “dúbidas e incerteza a respecto do como e cando reabrir os negocios”. Ademais, os asociados comparten “certo temor sobre como ofrecer o servizo con garantías sanitarias ante a carencia de medidas oficiais concretas que repercutan en confianza e responsabilidade para con a clientela, o persoal e coa mesma xerencia dos negocios”.

INSEGURIDADE SANITARIA E XURÍDICA

“A inseguridade en materia sanitaria conleva consigo inseguridade no eido lexislativo debido a que se descoñece se a forma na que se reabran os establecementos, e a falta de medidas oficiais a aplicar, poñen en perigo a seguridade sanitaria, e que en caso afirmativo poida acarrear un proceso expedientario ou denuncia”, indica.
“A isto engádese que, aínda cando aplicando todas as medidas que se determinen poida darse un foco infeccioso nun establecemento, máis probable é este suposto cando non existe un protocolo estandarizado a aplicar. De darse, este feito suporía a desconfianza no establecemento, e afectaría incluso á contorna como destino turístico”, remarca.
Ademais da incerteza respecto dos protocolos sanitarios, a asociación barreirense cuestiona a sostibilidade económica dos negocios ao limitarse a clientela polas restricións de aforo e medidas de seguridade. Nesa liña, sinala que, no caso dos aloxamentos, a “apertura é practicamente inviable cando non se poden producir de momento desprazamentos entre provincias”.
Por outro lado, “existe incerteza e descoñecemento sobre que persoal afectado por ERTE debe reincorporse e as dúbidas sobre o mantemento das axudas económicas recibidas por autónomos por cese obrigatorio de actividade”, salienta o colectivo, que cuestiona “se se dará o fluxo de clientela necesario para o sostibilidade económica destes negocios”.

CADA NEGOCIO ABRIRÁ “AO SEU RITMO”

Ante a concordancia nestes puntos, a reapertura dos establecementos farase de forma escalonada, de acordo ao ritmo de adecuación de cada establecemento á “nova normalidade”, tendo en conta que cada negocio ten a súa casuística particular.

LISTADO

Comparten esta comunicación os seguintes establecementos:
– A Lume Manso
– Apartamentos A Palleira
– O Asador
– A Yenka
– Bar Lozano
– Cabanas da Barcela
– Café Bar Moderno
– Casa Melva
– Casa Brais
– Cafetería Centro Social
– Nicanor
– Hotel A Finca
– Ría do Masma
– Rías Altas
– Tentempé Peregrino

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here