Ugía Pedreira ou Davide Salvado, entre as dez actuacións dun ciclo online da Deputación polas Letras

A programación, que inclúe espectáculos para nenos, poderá seguirse nas redes sociais e na canle de Youtube da Vicepresidencia entre o 17 e o 27 de maio

Ugía Pedreira. EUTROPIO RODRÍGUEZ

A área de Cultura da Deputación de Lugo celebrará as Letras Galegas coa programación en liña ‘As Letras en rede‘, que inclúe unha decena de actuacións musicais e escénicas. Davide Salvado, Raiceira, a focega Ugia Pedreira, Pepe Vaamonde, Mamá Cabra, os mindonienses Mircromina Títeres, Ana Carreira, Lois Pérez, Olga Novo e a laurentina Marina Oural completan o elenco artístico deste novidoso ciclo cultural en rede, que poderá seguirse nas redes sociais e na canle de Youtube da Vicepresidencia (@vicedepulugo) entre o 17 e o 27 de maio ás 19.00 horas.

A iniciativa, na que colaborou a área de Cultura do Concello de Lugo, pretende trasladar ás redes o carácter reivindicativo e lúdico que acompaña a celebración do Día das Letras Galegas, dedicada este ano ao profesor e escritor Ricardo Carvalho Calero, mais tamén   apoiar aos profesionais da cultura, un dos sectores que está a sufrir o impacto da crise da Covid 19 pola suspensión dos espectáculos ao vivo.

ACTUACIÓNS GRAVADAS NO GUSTAVO FREIRE

Ademais dos artistas citados -músicas, actores, actrices, narradoras e poetas-, que volveron actuar despois de semanas sen actividade, a programación involucrou unha decena de profesionais que traballaron na produción e realización das actuacións, gravadas durante esta semana no auditorio do Gustavo Freire, con “todas as medidas hixiénico-sanitarias“, remarca a Deputación.

PARA TODAS AS IDADES

As Letras en rede ofrecerá ao longo de dez xornadas espectáculos en liña pensados para todas as idades, con atención tamén para o publico máis novo con espectáculos para público infantil e familiar.

Atendendo ao ámbito provincial da institución, optouse por artistas vinculados á provincia de Lugo. Tamén se priorizou a contratación de artistas que se dedican profesionalmente ás actuacións ao vivo.

Salvado presentará un anaco de seu último espectáculo, ‘Amarelo‘, onde reinterpreta cancións tradicionais galegas e doutras partes do mundo, con textos de Manolo Cortés, dende a óptica contemporánea que caracterizan as súas propostas.

A compositora Ugía Pedreira interpretará unha escolma de poemas musicados, con melodías propias e alleas.

O dúo Raiceira, formado polas lucenses Sabela Vázquez e Carmen López, interpretará melodías populares extraídas da tradición oral galega.

MÚSICA, TEATRO OU RECITAIS DE POESÍA

En formato trío, con Miriam González ao acordeón e Pipo Alvariño á guitarra, Pepe Vaamonde presentará un espectáculo orixinal pensado para ser bailado nun claro entorno foliadeiro.

A banda de música infantil Mamá Cabra, neste caso cun formato reducido con Gloria Mosquera e Diego Maceiras ao acordeón, ofrecerá un percorrido polos éxitos dunha carreira de máis de 15 anos.

A compañía mindoniense Micromina Títeres ofrecerá un espectáculo para público infantil e familiar apelando ao humor e a intelixencia.

A narradora e dramaturga Ana Carreira, confundadora de distintas compañías de teatro galego, artellará a súa actuación arredor de tres contos, dirixidos a todas as idades.

O poeta e contador de historias Lois Pérez achegará un anaco de ‘Lirica Piringalla‘, un entremés do proxecto ‘Lugo Philadelphia‘ erguido en colaboración coa fotografa Alba Díaz, que combina poesía, música, narración oral e humor.

A artista multidisciplinar Marina Oural mesturará na súa actuación a arte do movemento, da declamación, da escrita e da improvisacion oral.

A poeta Olga Novo, cunha obra intimamente relacionada co feminismo, recitará algunhas das súas composicións.

APOIO AO SECTOR CULTURAL

A vicepresidencia da Deputación de Lugo, a nacionalista Maite Ferreiro, sinalou que “malia estarmos nunha situación excepcional non podiamos deixar pasar esta data central na reivindicación da lingua e da cultura propias, e pensamos que a mellor maneira de celebrala era dando este espazo para que os profesionais da música, no teatro, da narración e do audiovisual en galego amosen a súa creatividade e o seu talento”.

A deputada explicou que “é unha experiencia nova para case todas as persoas que participan tanto artistas como persoal técnico. Agardamos que guste, e que esta fórmula se manteña como alternativa para soster a actividade cultural mentras non se recuperen os espectáculos ao vivo”.

638.000 EUROS EN AXUDAS A ENTIDADES E ASOCIACIÓNS

Ferreiro remarcou o compromiso da área de Cultura para tratar de que “o sector sufra o menos posible o impacto da crise, tanto no ámbito asociativo como profesional”. Nesa liña, lembrou que se “axilizou a tramitación das axudas a entidades e asociacions culturais previstas nos orzamentos, cun importe de 638.000 euros” e que “se traballa para adaptar as programacións previstas a evolución da pandemia en cada momento”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here