O BNG de Viveiro pide contratar persoal para as áreas municipais de desenvolvemento económico

Os nacionalistas cren necesario ampliar a actual dotación de recursos humanos en intervención, contratación ou promoción económica para poder aplicar medidas de alivio da crise

Míriam Bermúdez. AXM

O BNG de Viveiro reclamou ao Concello a “contratación de persoal” nas áreas que “van ter que desenvolver todas as medidas que se propoñan” desde a corporación municipal para paliar a crise económica que traerá o coronavirus: servizos económicos e promoción económica, contratación e servizos sociais.

Así o solicitou a concelleira da formación frontista, Míriam Bermúdez, nunha rolda de prensa telemática na que a edil realizou unha valoración do acordo orzamentario anunciado polo goberno socialista e Por Viveiro e expuxo as propostas socioeconómicas do BNG viveirense de cara a afrontar a pandemia.

Bermúdez instou a reforzar a intervención municipal, dado que “a interventora vén un día á semana, e cremos que esta dotación é insuficiente para todo o traballo que se aveciña”. O mesmo reclamou para a área de servizos económicos, posto que o traballador que cubre esta praza está “de baixa de longa duración”.

Relación de Postos de Traballo (RPT) contempla, segundo Bermúdez, “ata catro postos na área de promoción económica, dos cales unicamente está cuberta unha praza”. No caso de orientación laboral, “a praza está cuberta pero a persoa que a exerce ten un perfil psicosocial, polo que a parte do técnico municipal de emprego non o está”. O Concello está “carente de axente de desenvolvemento local“, explica a concelleira, “e de administrativo e auxiliar administrativo”.

Na área de contratación “está vacante a praza de técnico” e nos servizos sociais “o posto de psicólogo“, polo que o BNG considera “principal” axilizar “o proceso que sexa de contratación, ben por un procedemento de selección temporal ou total. Pero hai que facelo porque sen traballadores non se poderán implementar as medidas”, sostivo.

REFORZO DO SERVIZO DE LIMPEZA

Outra das áreas que se debe reforzar, xulga o BNG, son os servizos de limpeza, dada a importancia da hixiene para previr contaxios.

“A mellor calidade na prestación dos servizos públicos será a única maneira de ter garantías de afrontar esta crise”, argumenta a edil.

INSTA A NEGOCIAR PARA MANTER A CONTÍA DAS AXUDAS CONCEDIDAS ANTES DA EMERXENCIA SANITARIA

Por outra banda, Bermúdez fai fincapé “na necesidade de acadar recursos económicos“. O BNG viveirense solicita “lograr manter a cantidade das axudas concedidas con anterioridade ao coronavirus, que o diñeiro acordado siga vindo para Viveiro, a fin de redireccionar eses importes para aquilo que sexa necesario”.

Os nacionalistas instan ao Concello a “negociar coa Deputación” unha “liña de axudas Covid-19 para o comercio e o emprego local”. Tamén levarán ao vindeiro pleno unha moción para instar á Xunta de Galicia a realizar un Plan Galego de Reactivación Económica, a fin de que o Goberno autonómico aglutine a todos os axentes sociais na elaboración dun programa e aprobe novas subvencións para os sectores máis vulnerables. Tratáse dunha iniciativa que o Bloque presentará noutros municipios e que xa foi aprobada no Valadouro, e que tamén recolle a petición do derrogamento da “Lei Montoro“.

No vindeiro pleno, tamén se presentará unha iniciativa acorde coa solicitude da plataforma de auxiliares de Alcoa.

CRÍTICAS AO PACTO ORZAMENTARIO PSOE-POR VIVEIRO

Bermúdez amosouse crítica co pacto entre PSOE e Por Viveiro para a aprobación duns “orzamentos de urxencia” que segundo as dúas formacións destinarán medio millón de euros a axudas para aliviar os efectos socioeconómicos da pandemia. “A oposición foi deixada a un lado, o goberno local amosou un nulo interese. Temos claro que é necesario un programa de reactivación, pero polo de agora non temos documentación ao respecto nin data para o pleno. Queremos ver como se irán desenvolvendo estas medidas, porque nos parecen cortopracistas, dubidamos de que poidan abranguer a todos os sectores e tamén de que nalgúns casos o Concello teña competencias para levalas adiante”, asegurou.

OUTRAS PROPOSTAS

A mellora da web, incorporando a posibilidade de executar virtualmente trámites habituais como “o permiso de queimas”, para evitar desprazamentos; favorecer a “mobilidade sostible”, construíndo aparcabicis; o reforzo do servizo de axuda no fogar (SAF) e a creación dun programa de acompañamento para os maiores que viven sós; a elaboración de programas de reinserción laboral; levar a cabo un plan de turismo que “faiga fincapé nas visitas de proximidade, a fin de potenciar a seguridade”; a exención de taxas municipais para os novos comercios, durante un prazo de dous anos; un plan de pago de impostos personalizado, que inclúa a bonificación do 100% das cotas para desempregados ou o 50% do Imposto de Vehículos para as familias empadroadas no rural; a realización dun plan de conservación de vías ou activar os centros socioculturais son outras das propostas do BNG viveirense.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here