O PSOE denuncia que hai prazas médicas sen cubrir en Trabada, Mondoñedo, Viveiro ou A Pontenova

Os socialistas critican "o abandono" da atención primaria por parte da Xunta e reclaman medios para as poboacións que triplican a poboación en verán, como Foz

Otero e Cajoto. AXM

A secretaria provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, Patricia Otero, e mailo alcalde de Foz, Fran Cajoto, criticaron “o abandono e graves carencias” da atención primaria nos centros de saúde da Mariña Lucense. Os socialistas salientaron que hai prazas de médico sen cubrir, “algunha desde hai anos”, nos concellos de Viveiro, O Vicedo, A Pontenova, Mondoñedo e Trabada. Ademais, reclamaron un reforzo para vilas como a viveirense ou a focega, que incrementan a poboación en verán “en 30.000 persoas”, indicou o rexedor.

“Calquera que veña á Mariña Lucense poderá constatar como hai menos profesionais sanitarios nos centros de saúde das nosas vilas, debido aos recortes e os constantes ataques que o goberno do PP estivo inflixindo á sanidade pública. Acabamos de comprobar como é fundamental investir en atención primaria, xa que estes centos de saúde, foron vitais para atender unha pandemia como a do Covid-19”, argumentou Otero.

O PSdeG-PSOE denuncia que hai médicos sen cubrir en Trabada, “onde hai unha baixa médica desde meses atrás”, Viveiro, “onde faltan dous facultativos e o persoal denuncia unha carga de traballo moi grande coa crise do Covid-19, atendendo tamén a usuarios de Ourol e O Vicedo”.

En Mondoñedo “hai un facultativo sen cubrir”, indican os socialistas, que lembran que “o pediatra é compartido cos concellos de Lourenzá e Barreiros. Na Pontenova, “das tres prazas de médico que existían, actualmente só consultan dous médicos no centro, e un dos facultativos está de baixa e non se cubriu a súa praza”.

ATENCIÓN PEDIÁTRICA TELEFÓNICA EN CERVO

“En Cervo, o servizo de pediatría é atendido de xeito telefónico dende o consultorio de San Cibrao“, salienta o PSdeG-PSOE, que apunta que no Vicedo “hai unha baixa médica que se cubre de xeito intermitente” e que O Valadouro “segue á espera do pediatra comprometido polo PP na campaña electoral”.

FOZ, SEN PEDIATRA A XORNADA COMPLETA

Pola súa banda, Cajoto remarcou que “a situación do centro de saúde de Foz é complicada na época estival. Como xa denunciamos, é endémica a falta de persoal que se agrava cun servizo de pediatría que non se cobre a xornada completa. Ademais o reforzo habitual dun médico para desprazados é claramente insuficiente, tendo en conta que non se cobren as baixas por vacacións do persoal. E por suposto, quero lembrar tamén a supresión dun dos técnicos de emerxencias da ambulancia medicalizada con base en Foz. Todas e cada unha destas decisións levan a cuña do PP e de Feijóo”, insistiu.

O rexedor advirte ademais que “tal e como xa denunciou o propio persoal do centro, os profesionais sanitarios non contan con ningún protocolo sanitario, nin con ningunha sala ou espazo habilitado para tratar a posibles pacientes de COVID que se acheguen ao centro de saúde. Os profesionais sanitarios están abandonados polo Goberno do PP”, resumiu.

RESPOSTA DO SERGAS

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) contestou a través dun comunicado de prensa ás críticas dos socialistas, asegurando que “todas as prazas do centro de saúde de Viveiro están cubertas, agás a praza de nova creación, que malia que o Sergas a creou e a ofertou para incrementar a atención nese centro, non foi solicitada por ningún profesional. Seguimos a ofertala para cubrila en canto se poda. E insistimos en que se trata dunha praza de nova creación, que aumenta o número de profesionais do centro”, aseguraron fontes da Consellería de Sanidade.

“Ademais tamén se creceu nunha praza en turno de tarde no centro de saúde de Burela, que si está cuberta e que permitiu abrir ese centro de saúde en quenda de tarde, ampliando e mellorando a asistencia neste concello mariñao”.

“No centro de saúde de Foz todas as prazas están cubertas”, sostén o Sergas, que ten “a intención de reforzar os centros de saúde de Viveiro, Ribadeo e mailo focego durante o verán contratando persoal de reforzo para estes centros”.

“Finalmente, dicir que todos os centros de saúde teñen un plan de desescalada e retorno á actividade asistencial trala crise sanitaria do Covid-19, e que recolle as distintas zonas de atención aos pacientes, en función do tamaño, superficie e características de cada centro de saúde”, concluíu o Sergas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here