Burela convoca unha nova edición de Amarte e amosa dúbidas sobre a celebración da Feira do Bonito

O Concello abre a inscrición para o certame, por agora sen data concreta á espera do que ocorra coa exaltación do túnido, que "seguramente non se vai poder celebrar como festa"

As pinturas de Amarte, de noite co alumeado municipal. AXM

O Concello de Burela anunciou que impulsará en agosto unha nova edición, a cuarta, do certame internacional de pintura mural Amarte. O concurso, habitualmente paralelo á Feira do Bonito, celebrarase na primeira ou segunda semana dese mes en función do que ocorra coa exaltación gastronómica do túnido, sobre o que o goberno municipal avanza que “seguramente non se poderá facer como festa”, segundo indicou o concelleiro de Cultura, José Díaz.

“As datas van ser coincidentes co que sería a Feira do Bonito, que seguramente non se poderá facer como festa, e non sabemos por agora se se vai poder facer algo. De ser así, Amarte sería novamente un evento paralelo, os días 1 e 2 de agosto, pero de non haber festa poderiamos facer o certame a semana seguinte, para meternos un pouco máis no verán”, indica o edil.

Publicada por Delegación de Cultura, Educación e Xuventude – Concello de Burela en Miércoles, 27 de mayo de 2020

Díaz expón que “a pesar das circunstancias do Covid-19 si imos poder facer unha nova edición do certame”, posto que a súa celebración non supón comprometer “as medidas de seguridade no tocante á distancia interpersoal entre os pintores; a forma na que podemos estruturalos e colocalos é perfectamente válida”, explica.

A inscrición para o certame está aberta e os pintores poden enviar os seus bocetos. As bases son similares ás da pasada edición e tamén os premios, cun galardón de 1.500 euros para o gañador do concurso; 750 para o segundo clasificado; 300 para o terceiro posto e outros tantos para o mellor artista local. Podes consultar as bases no Facebook de Amarte ou na web municipal.

Cartel de Amarte 2020. AXM

NOVE ARTISTAS

Seleccionaranse nove artistas, segundo explica Díaz, para estirar durante un total de tres edicións máis o certame, dado que restan no muro do porto burelao 27 espazos por completar.

“Amarte é unha das cousas que por sorte si podemos facer este verán e queremos que os artistas sigan completando ese muro portuario de pinturas e de arte”, concluíu Díaz.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here