PSOE e PP de Foz polemizan pola débeda da Selectividade e as axudas para autónomos e pemes

Socialistas e populares enfrontáronse por estes asuntos ou pola petición de reforzar o centro de saúde nun pleno celebrado na sala Bahía, e no que si houbo acordo para apoiar o aluminio

Cajoto e Castiñeira. AXM

PSdeG-PSOE e PP de Foz polemizaron no pleno celebrado na Sala Bahía por un plan de axudas presentado polos populares a fin de afrontar as consecuencias socioeconómicas do coronavirus. Socialistas e nacionalistas tamén discutiron no tocante a un recoñecemento extraxudicial de crédito de 635.000 euros no que se inclúen facturas do ano anterior que non puideron ser pagadas debido a inexistencia de liquidez, entre elas os pagos da Selectividade dos últimos dez exercicios.

O PP: “O BIPARTITO ILLA Á OPOSICIÓN”

O “plan de reactivación económica” do Partido Popular pretendía dotar “con 500.000 euros unha partida para axudas a pequenas e medianas empresas (pemes) e autónomos focegos afectados pola crise”. O voceiro dos populares focegos, Javier Castiñeira, destacou que outros municipios gobernados polos socialistas “si decidiron axudarlles, como son os casos de Viveiro ou Monforte”.

Os conservadores propuñan tamén a creación dunha “comisión de traballo” na que “estivesen representados os empresarios”. PSdeG-PSOE e BNG rexeitaron esta proposta, polo que recibiron a crítica dos populares, que acusaron ao bipartito de “illar á oposición”.

CAJOTO: “O DO PP NON É UN PLAN, É UNHA DECLARACIÓN DE INTENCIÓNS”

O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, destacou a negativa do BNG e do PSOE a un rogo do Partido Popular “no que introduciron unha declaración de intencións, unha proposta política para un plan de axudas polo Covid-19. O Concello de Foz leva varios meses sacando medidas dentro do seu propio plan. Remitírona tarde, sen fundamento ningún, sen ningún tipo de análise nin cálculo e confundindo conceptos como o superávit e os remanentes. É curioso que o PP pida usar os remanentes, o cal non é posible legalmente. Cando lle preguntamos por que non os usou durante o seu mandato, obtivemos de novo o silencio por resposta”, afirmou o rexedor.

18.000 EUROS DE DÉBEDA A VIVEIRO

Por outra parte, a tenente de alcalde Inés López Couto asegurou “unha fonda decepción coa actitude do Partido Popular en outros asuntos capitais que se levaron a pleno, pois abstívose na aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito, do cal un terzo corresponde ao propio PP, que gobernou o primeiro semestre do 2019, cando as partidas deberían ter fondos suficientes. Isto é unha mostra máis de como a xestión importaba ben pouco”.

A controversia neste punto centrouse en 18.000 euros adebedados ao Concello de Viveiro, durante os dez últimos anos, pola realización da Selectividade por parte do alumnado do IES de Foz.

CASTIÑEIRA ASEGURA QUE “INTERVENCIÓN NON ACONSELLA” PAGAR A VIVEIRO POIS O CONVENIO “NON TEN VALIDEZ”

“O Concello de Foz durante o seu mandato non pagou nin un só euro das cantidades que se lle adebedaban a Viveiro para que os nosos estudantes puidesen facer o Selectivo na comarca da Mariña. Non abonou a factura que lle remitiu o Concello de Viveiro polos últimos exercicios de Rivera e non pagou nin unha soa das anualidades do seu mandato, situación que afortunadamente corriximos”, asegurou López Couto.

Nese sentido, Castiñeira defendeu a xestión do anterior goberno, popular, afirmando que “a débeda está baseada nun convenio que intervención entende que non ten validez por ser un servizo que non é competencia do Concello e as facturas presentadas polo goberno de viveiro sempre foron reparadas“. O voceiro popular afirmou que o seu predecesor na alcaldía, o socialista Rivera, “entendía exactamente o mesmo”. Deste xeito, os conservadores aseguran que “se o bipartito quere facer ese pago será incumprindo os informes de intervención”.

A xestión económica do goberno do PP “é intachable”, afirma Castiñeira, que afirmou que se o goberno “vai pagar esa débeda omitindo o informe dos técnicos é porque quedaron catro millóns de remanente“.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL SOBRE ALCOA

O pleno aprobou por unanimidade unha declaración institucional en defensa da factoría de Alcoa de San Cibrao, baseada no texto aprobado polos Concellos no marco da Mancomunidade da Mariña Lucense.

O alcalde, o socialista Fran Cajoto, valorou “a actitude de todas as forzas políticas. Esiximos á empresa que rectifique no seu proceso de parado de cubas, ao Goberno Central que aprobe o estatuto e que a Xunta, con competencias exclusivas en Industria, apoie e incentive a renovación da planta e dos procesos industriais”.

SANIDADE

Tamén saíron adiante unha moción presentada polo BNG para apoiar as Enfermeiras Eventuais en Loita, e outra para esixirlle ao Sergas o reforzo do cadro de persoal médico do centro de saúde e Hospital Público da Mariña, coa abstención do PP focego.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here