O Goberno de Asturias decidiu este xoves non solicitar ao Executivo central autorización para permitir a mobilidade con Galicia e Cantabria a partir do luns 15 de xuño. Segundo sinalou a portavoz do Executivo e conselleira de Benestar e Dereitos Sociais, Melania Álvarez, débese a “cuestións de saúde pública“.
Nese sentido, tras a rolda de prensa posterior ao Consello de Goberno, Álvarez indicou que os últimos brotes de Covid-19 no País Vasco modificaron a previsión inicial de Asturias de solicitar esa mobilidade coas autonomías veciñas, o que permitiría o establecemento dun “corredor do norte” entre as autonomías da Cornixa Cantábrica, que se atopan todas en fase 3 da desescalada.
Doutra banda, a portavoz do Goberno asturiano lembrou que con Galicia “se expón outro problema”, xa que o presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feijóo, mostrouse partidario de levantar o estado de alarma, mentres que no Principado defenden “que se manteña ata o final”, sentenciou.
Alcaldes de 14 municipios limítrofes de Lugo e Asturias solicitaron poder ter mobilidade entre eles, dado que coas restriccións ao movemento “perdemos o 50% dos recursos”. O rexedor de Ribadeo instara ao Principado e á Xunta a solicitar que se resolvese esta cuestión.