Diario da nova normalidade: dan os ‘Goonies’ en Viveiro

Houbo épocas da miña adolescencia na que se quito o fútbol, a única saída da rutina -a ver se pensades que un adolescente non sinte a rutina- era ir ao cinema cos amigos

'Los Goonies'. AXM

Creo que na miña infancia vin seis ou sete veces, como pouco, ‘Los Goonies‘. A peli saíu no 1985, cando eu tiña dous anos, pero era un deses clásicos que repuñan na televisión de cando en cando, como ‘E. T.‘.

Poido recordar claramente como me sentía cando pasaban o anuncio na tele, esa sensación de “acontecemento“, de “hai que vela” (hoxe os pedantes dirían en Twittermust‘ ou ‘imprescindible‘) por moito que desen ‘Los Goonies’, quizais, sete ou oito meses antes. Era sempre un planazo.

Pero noto que me fago vello nestas ocasións, cando para escribir este artigo tiven que espiar en Filmaffinity de que ía a película. Non me acordaba da trama nin tampouco de que o actor protagonista da cinta encarnara, bastantes anos máis tarde, a Samsagaz Gamyi, ese remedo de Sancho Panza (con Frodo Bolsón como O Quixote) de ‘El Señor de los Anillos‘. Excusa barata e mentirosa: supoño que se xa agora me costa centrar a atención nunha cousa, daquela o cerebro debía ser, máis que unha esponxa, unha centrifugadora.

 

AQUELA VÍA DE ESCAPE A FINAIS DOS 90

Houbo épocas da miña adolescencia na que se quito o fútbol, a única saída da rutina -a ver se pensades que un adolescente non sinte a rutina- era ir ao cinema cos amigos, comer un quilo de palomitas, outro de regaliz e dous vasos grandes de Coca Cola e nos descansos mirar para algunha pícara coa curiosidade e a timidez dos meus trece ou catorce anos. Os colegas e máis eu tragamos montóns de basura -con ‘Mortal Kombat‘ saímos ‘escopeteados’ do defunto Cine Mon de Burela, porque a pesar de ter 13 anos ou precisamente por iso, como espectadores tiñamos tamén dignidade- e algunha que outra xoia. Recordo ver ‘El Show de Truman‘ e empezar a entrever (suficiente por entón) que a vida era algo trascendente, valioso, que un día se me ía escapar das mans.

Conto toda esta monserga a raíz de que este venres, 19 de xuño, volve o cinema a Viveiro. Pasaron máis de tres meses desde que as salas cesaron a actividade, o 13 de marzo, polo coronavirus. Na carteleira desta fin de semana están ‘Onward‘, ‘The Gentlemen‘, ‘El Resplandor‘ e ‘Richard Jewell‘ e, tamén, claro, ‘Los Goonies’.

UN ESPECTÁCULO QUE QUERE SAÍR DA UCI

E que queredes que vos diga, paréceme algo, con modestia, a celebrar. O moribundo espectáculo do cinema, devorado por ese monstro de mil cabezas das series, quizais debera tratarnos mellor e segue buscando fórmulas (agora, retro) para saír da Uci. Pero igual o coronavirus nos ensina que tamén que coidalo un pouco é outra forma de ter saúde.

Esta fin de semana, como calquera outra, pagaría bastante máis de cinco euros e sentaríame sen problema -con máscara e todo- nunha butaca illada para recuperar aquela sensación de que o agora e o aquí son o máis importante: ‘dan os Goonies’. A quen lle importa que, cando pasen as décadas, ninguén se lembre de nada.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here