Diario da nova normalidade: un brinde entre tragos amargos

O Burela FSF deulle unha ledicia á Mariña, que teme o peche do aluminio, o maior brote de coronavirus de Galicia e que se sabe lonxe dos lugares onde se decide o que lle afecta

As xogadoras do Burela FSF celebran o título. RFEF

Calquera axuda é pouca, calquera ledicia serve. Nun momento no que A Mariña teme pola fábrica de aluminio, aquela que transformou a bisbarra ofrecendo soldos dignos e estabilidade laboral a unhas 2.000 familias, e vive coa mesma intranquilidade o maior brote de coronavirus de Galicia durante a ‘nova normalidade‘, o Pescados Rubén Burela FSF deulle un motivo para brindar, coa consecución do título de Liga, a unha comarca que ultimamente só bebe tragos amargos.

E sempre haberá quen diga que o deporte non é para tanto, pouco máis que un xogo, un divertimento infantil para adultos. Pero para unha bisbarra quizais máis consciente que nunca de si mesma, da súa dependencia case absoluta da industria do aluminio, de que segue mal comunicada, de que perde recursos sanitarios, de que está lonxe en fin -literal e figuradamente- do lugar onde se toman as decisións que lle afectan, sexa Santiago de Compostela, Madrid, Bruxelas ou Pittsburgh, o triunfo das “guerreiras“, que as converte por terceira vez no mellor equipo de España, foi un pequeno, mínimo incluso, motivo de orgullo e recordatorio da súa capacidade.

“Queremos darlle unha ledicia a unha comarca que está sufrindo tanto”, dicía Peque, madrileña de nacemento e burelá de adopción, en declaracións para a Televisión de Galicia (TVG). As “guerreiras” saben que non poden evitar por si mesmas que paren as cubas, pero cumpriron coa súa humilde e importante promesa. Todo fai falta, todo suma, para andar un camiño que se prevé longo e complicado. Elas son exemplo de perseverancia e unidade.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here