O número de positivos de coronavirus no brote da Mariña Lucense, con dous focos localizados en Xove e Burela aínda que infectados en varios municipios da comarca, soben a 25, segundo o reconto oficial ofrecido este luns polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Segundo concretou o Sergas este luns, documentáronse tres novos positivos relacionados co brote da comarca da Mariña Lucense, ademais doutros dous casos “illados” da área sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos. Dos 25 infectados na comarca, só hai unha persoa ingresada no Hospital Público da Mariña, un home residente en Burela de 71 anos que permanece en planta e estable.
Segundo fontes do Sergas, o número de probas realizadas a contactos das persoas infectadas “supera as 300“. A Consellería de Sanidade sostén que os focos localizados en Xove e Burela “teñen relación entre si”, polo que os considera de forma conxunta.
UNHA FAMILIA DE XOVE E UN BAR DE BURELA, NÚCLEOS PRINCIPAIS
Varias persoas, alomenos once, dunha familia xovense resultaron infectadas polo virus, en principio a partir dunha comida realizada a principios do mes de maio. En Burela o foco de coronavirus foi localizado nun bar da localidade, con varios traballadores infectados. Estes dos núcleos teñen relación.
A nivel provincial, o número de casos activos de Covid-19 ascende así a 44. Ademais da persoa ingresada en Burela, na área lucense hai outra persoa hospitalizada a causa da pandemia, neste caso nunha unidade de hospitalización do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
Non hai infectados por coronavirus nas residencias da bisbarra.
No histórico da pandemia na provincia, desde o primeiro caso documentado a principios de marzo, contabilizáronse un total de 28 falecementos, cinco deles na Mariña Lucense, ademais dunha sexta vítima mortal que faleceu na Uci de Burela despois de ingresar por coronavirus e superar a doenza no seu período na unidade de críticos. Déronse 922 altas, as mesmas ca onte.
312 CASOS EN GALICIA
A nivel galego, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 312, deles 71 son da área da Coruña, 44 da de Lugo, 22 da de Ourense, 9 da de Pontevedra, 131 da área de Vigo, 24 da de Santiago, e 11 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, catro están en unidades de hospitalización e 308 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.615 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos. O número de PCR realizadas é de 179.717.