Dispáranse os positivos detectados no brote da Mariña, con doce máis para un total de 47

Dous dos infectados permanecen en plantas do Hospital da Costa; o Sergas cuantifica en "máis de 900" as PCR realizadas

Hospital Público da Mariña. AXM

O número de casos activos detectados de coronavirus no brote de Covid-19 na Mariña Lucense segue en aumento e ao longo das últimas horas experimentou un crecemento significativo: documentáronse un total de doce máis, para un total de 47, segundo confirma o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Dos 47 positivos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Polo de agora, o número de ingresados por Covid-19 no Hospital Público da Mariña mantense. As dúas persoas hospitalizadas relacionadas co brote fican en planta e con evolución “favorable“, segundo a Consellería de Sanidade.

O primeiro caso de infección por Covid-19 detectouse, segundo a Consellería de Sanidade, na tarde do martes 23 de xuño, nun núcleo familiar do concello de Xove. Ao longo dos últimos días aumentou a cifra de contaxiados segundo se foron realizando probas aos contactos dos primeiros infectados, con tres focos principais nos municipios de Xove, Burela e Foz.

A Xunta de Galicia non aclara se detrás deste aumento dos casos hai algún foco máis, ademais dos tres comunicados. Segundo o Sergas, o número de probas realizadas PCR ascende a “unhas 900“. As persoas testadas con probas negativas, algo máis de 500, permanecen en seguimento domiciliario.

A nivel provincial, o número de casos de coronavirus aumenta cos doce novos positivos a 64.

Dos 64 infectados na provincia, hai outro ingresado, en planta do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Documéntanse 61 casos en domicilio.

No histórico da provincia do Sergas desde o inicio da pandemia, en marzo, contabilízanse 28 falecementos, cinco deles na Mariña Lucense, ademais dunha sexta vítima mortal que ingresou na Uci de Burela por Covid-19 e morreu despois de superar a doenza na mesma unidade de críticos. Déronse 925 altas.

SANIDADE APRAZOU O OCIO NOCTURNO

Polo de agora, a Consellería de Sanidade decidiu aprazar a apertura dos negocios de ocio nocturno, como pubs e discotecas, ademais das verbenas, na Mariña Lucense, argumentando a decisión en que constatou que a maioría dos casos detectados “son persoas de entre 25 e 40” anos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here