IniciosociedadeA Mariña ficará pechada durante alomenos cinco días desde esta medianoite

A Mariña ficará pechada durante alomenos cinco días desde esta medianoite

Prohibiranse entradas e saídas agás a transportistas e traballadores; reduciranse os aforamentos ao 50% e establecerase o uso obrigatorio de máscara en espazos pechados e abertos

Publicada o

- Advertisement -
O incremento de casos activos rexistrado no brote de coronavirus detectado na Mariña Lucense obrigou a decidir o peche durante alomenos cinco días dos accesos á Costa de Lugo e tamén das saídas da mesma desde a medianoite (00.00 horas), segundo expuxo o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, nunha rolda de prensa celebrada no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Ademais, aplicaranse medidas de control de aforo e de aglomeracións tanto nos lugares pechados como espazos públicos. A Xunta de Galicia toma estas decisións para previr a “transmisión comunitaria” da doenza, unha posibilidade que por agora descarta, insistindo en que o foco está “controlado“.

14 MUNICIPIOS AFECTADOS

O peche afectará a 14 municipios da comarca, dado que A Pontenova e Riotorto non pertencen ao distrito sanitario da Mariña Lucense; O Vicedo, Ourol, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Alfoz, O Valadouro, Barreiros, Mondoñedo, Lourenzá, Trabada e Ribadeo serán os concellos afectados pola norma.

99 POSITIVOS, TRAS SETE ALTAS; UNHAS 900 PERSOAS CONFINADAS

Segundo expuxo o conselleiro, documéntanse na Mariña Lucense a raíz do brote un total de 106 casos de coronavirus, 21 positivos máis desde a última actualización. Almuíña explicou que destes pacientes sete xa teñen a alta ao pasar o período de corentena preceptivo. Catro están ingresados en plantas do Hospital Público da Mariña, dous por problemas respiratorios asociados ao virus e outros dous por patoloxías diferentes e “principais”, pero que deron positivo en PCR. Sanidade cuantifica en máis de 2.300 as probas realizadas, incluíndo as 1.200 efectuadas nas residencias, onde non se documentaron infectados. O Sergas concreta que hai arredor de 900 persoas confinadas.

A XUNTA APUNTA AO SAN XOÁN

A Consellería apunta que a maioría dos datos sobre os períodos de incubación da doenza lévana a pensar en que o San Xoán puido ser un momento de transmisión do virus, porque coincide “cos tres días de incidencia máis alta” dos contaxios. Nas últimas xornadas, o incremento dos positivos “é menor”, sostivo Almuíña.

IDADE MEDIA DE 35 ANOS

A media dos afectados é de 35 anos, segundo confirmou Almuíña, que concretou que a idade que máis se repite entre as persoas infectadas polo brote é de “20 anos”. O conselleiro afirmou que o foco principal, aínda que se documentaron positivos en varios municipios da comarca, con especial incidencia en Foz ou Xove, está en Burela.

RESTRICCIÓNS AO MOVEMENTO

Ademais de continuar o aprazamento da apertura de locais de ocio nocturno, como bares e discotecas, prohibiranse os accesos á Mariña Lucense e tamén as saídas da mesma desde as 00.00 horas; gozarán de excepción as persoas que teñan que desprazarse nun ou noutro sentido por motivos de traballo, así como os transportistas e vehículos comerciais, ademais daqueles que prestan servizos. Non se recomenda a mobilidade entre municipios.

AFORAMENTOS

Os aforamentoss estipulados ao 75% reduciranse de forma xenérica ao 50% (bares e restaurantes, bibliotecas, cines, autoescolas, centros de ensino privado e academias). O peche dos locais de hostalería será como moi tarde ás 00.00 horas. As ludotecas e zonas recreativas infantís permanecerán pechadas.

LIMITACIÓN DAS REUNIÓNS

Limitaranse a dez persoas as reunións familiares de persoas non convivintes, como máximo. A máscara será de uso obrigatorio en locais pechados e tamén en praias -agás no momento do baño- ou locais de hostalería -agás no momento de consumir bebidas ou alimentos-. Nos areais deberán gardarse catro metros catrados por persoa. O aforo dos velorios queda reducido a 25 persoas en espazos abertos e dez en lugares pechados.

ELECCIÓNS AUTONÓMICAS

Sanidade referiuse tamén ao voto, dado que centos de persoas están confinadas na comarca malia seren negativas. Estes mariñaos poderán votar cumprindo coas medidas de seguridade, como o uso de máscaras. Non así os positivos ou aqueles que estean pendentes do resultado de proba PCR tras documentárselle síntomas.

ABAU

As probas de selectividade (ABAU), para as que se agarda que se reúnan 305 alumnos da Mariña e Ortegal en Viveiro, poderán celebrarse sen problemas dado que as instalacións permiten gardar unha distancia interpersoal axeitada, explicou Sanidade, que deu o visto bo a un protocolo deseñado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). O director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares; do xerente da área sanitaria, Ramón Ares, e da xefa territorial de Sanidade, Begoña Seco, acompañaron a Almuíña na rolda de prensa.

PECHE DE PARQUES INFANTÍS EN VIVEIRO E BURELA

Os Concellos de Burela e Viveiro adiantaron que, á espera da publicación da normativa no DOG, adoptarán “medidas extraordinarias” para previr contaxios; pecharán parques infantís e ademais prazas, no caso do municipio burelao, e instalacións deportivas de titularidade municipal, no concello viveirense. Ademais, revisarase o aforamento das terrazas de establecementos hostalerios, advertiu o goberno local que preside María Loureiro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...