Os Concellos acusan á Xunta de evadir responsabilidades ao asignarlles a vixilancia no peche

A Mancomunidade considera "inverosímil" asumir esa tarefa "sen datos e sen medios", dado que varios municipios carecen de Policía Local; Llano pide aprazar as eleccións

Imaxe de Burela. CONCELLO DE BURELA

A normativa que regulará o peche da Mariña, decisión tomada pola Xunta de Galicia tras aumentar o número de positivos de coronavirus na bisbarra ata alcanzar os 99 casos, establece que “a vixilancia, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención que se recollen nesta orde, e a garantía dos dereitos e deberes sanitarios, corresponderán aos Concellos”. O Executivo autonómico responsabiliza así do cumprimento da normativa aos gobernos locais, que acusaron ao Goberno galego de “evasión de responsabilidades”.

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, expresou a súa “indignación máis absoluta” pola normativa, que percibe como unha “evasión de responsabilidades” da Xunta.

“PASOU DE XESTIONAR MADRID AOS CONCELLOS; SANTIAGO PONSE DE LADO”, CRITICA CAJOTO

Cajoto argumenta que o Goberno autonómico “pretende ocultarse de novo e xogar ás agachadas nunha crise sanitaria na que todos os concellos amosamos a nosa colaboración e nos puxemos á disposición para atallar o rebrote por Covid-19 na Mariña”.

“É absolutamente inverosímil e indignante que a Xunta de Galicia traslade a vixilancia aos Concellos, sen medios, sen datos de contaxiados, que non traslada o Sergas; sen competencias, sen experiencia e sen capacidade pretende se nos traslade unha responsabilidade que a Xunta de Galicia non quere exercer. Pasamos de xestionar Madrid a xestionar os gobernos locais: Santiago ponse de lado”, censurou.

Cajoto engade: “que me explique o señor presidente en funcións da Xunta de Galicia como pretende que concellos como Alfoz, Ourol ou Barreiros poidan exercer vixilancia algunha cando non teñen ningún corpo de Policía Local. Isto é unha liña vermella. Estamos para colaborar en todo o necesario, pero si o que se pretende é facer un deixamento de funcións, desde logo aos Concellos vainos ter en fronte”, salientou o presidente da agrupación de municipios mariñá.

O rexedor resalta que os gobernos locais “axudaremos como sempre o fixemos, incluso por riba das nosas posibilidades”, pero afirmou que “non se pode abandonar aos Concellos á súa sorte cando hai tantos veciños, pequenos comerciantes e autónomos, que o pasaron e o volverán a pasar moi mal cun peche necesario e que ninguén desexa”.

Ademais, Cajoto referiuse á situación de Burela, o municipio con máis positivos e contaxiados, para remarcar que “non se pode criminalizar a un Concello en concreto ou a un establecemento de hostalería“.

SUÁREZ BARCIA, SOBRE A XUNTA: “QUE VALOR LLE BOTA”

Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, afirmou que “que valor lle bota” a Xunta de Galicia para descargar a vixilancia nos gobernos locais. “A responsabilidade anteriormente era o Estado e agora pasa aos Concellos; como habemos de facer se boa parte dos municipios da Mariña non teñen Policía Local?”, inquire.

O rexedor ribadense pregúntase “por que o presidente da Xunta non nos advertiu desta situación, cando xa deberan saber o que pasaba”, de xeito que “quizais se poidese confinar un barrio ou un municipio, pero non toda unha comarca. Recibimos a primeira comunicación oficial o pasado venres e onte domingo anuncian o confinamento“, censurou Suárez Barcia, que salientou que “estámonos xogando, máis alá das eleccións, a saúde e a economía dunha bisbarra”.

“QUEN GARANTE QUE VAIAN VOTAR OS CONFINADOS?”, PREGUNTA O ALCALDE DE BURELA

O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, propuxo aprazar as eleccións na comarca da Mariña.

Respecto diso, mostrouse crítico co cinco días de confinamento e que se indique no Diario Oficial de Galicia que se traballa para “garantir o dereito ao voto”. “E quen garante o dereito á saúde? Quen garante que vaian votar os confinados?”, preguntou.

Por iso, o alcalde de Burela, municipio que concentraun 50%” dos infectados neste brote, segundo puntualizou, insistiu en que “se trasladen as eleccións a outra data” na Mariña.

Respecto diso, inquiriu “quen vai ir ás mesas de boa gana?”. “Moitos din que non van ir. Normal”, afirmou en relación á “preocupación” trasladada por veciños.

Llano reprochou igualmente que “as medidas enfocan e reverten nos alcaldes” cando “a Xunta é responsable”. Ademais, criticou que se establezan cinco días de confinamento na comarca cando “o normal é ata que se rebaixe o nivel de contaxios”.

Sobre o brote, lembrou que se “esparexeu” ao haber “xente nova” infectada que “se move moito”. Sobre a abordaxe sanitaria resaltou que “se fixo a velocidade extraordinaria” as PCR e test dos que “saíu un montón de positivos”.

“A preocupación dos que van ás mesas e a votar é grande”, admitiu, tras lembrar que en Burela se tivo que repetir a votación nunha mesa por impugnación nas últimas municipais, para solicitar que se traslade a data dos comicios das eleccións autonómicas deste domingo.

ERMIDA RECLAMA O REFORZO DO CENTRO DE SAÚDE POLAS PERSOAS DESPRAZADAS

A alcaldesa de Barreiros, a nacionalista Ana Ermida, solicitou que o municipio conte con persoal médico para persoas desprazadas. A primeira edil explicou que “nos veráns a poboación flotante de Barreiros multiplícase e deixar precisamente este verán a Barreiros sen persoal médico para atender á xente que vén de fóra parece que non cadra moito con esa idea de protexer aos de fóra nin aos da casa”.

“Sempre son necesarios os reforzos dos servizos sanitarios en verán, pero neste ano son innegociables e o Sergas está apostando por diminuílos non dotando de persoal para desprazados, non cubrindo a pediatra nos seus permisos ou vacacións e mandando ao persoal de vacacións. Polo tanto, en pleno brote da Covid-19, coa comarca en situación de emerxencia sanitaria, a Xunta de Galicia lonxe de garantir os servizos sanitarios, redúceos”, afirmou a alcaldesa.

Ermida mostrouse tamén crítica coa decisión da Xunta de descargar nas alcaldías a responsabilidade de atallar a expansión do coronavirus, “cando (o Goberno autonómico) actuou irresponsablemente e sen ningún tipo de lealdade institucional cos municipios desde marzo”, asegura.

A alcaldesa barreirense sinala que “Barreiros poñerá todos os medios na cooperación e a lealdade institucional para loitar contra a expansión do virus; pero as responsabilidades deben ser asumidas por quen improvisa medidas e actúa tarde, cando o avance é xa incontrolable. Non se aplicaron protocolos cando o brote era controlable e agora atopámonos con toda unha comarca pechada pola falta de valentía para tomar medidas pechando os lugares onde coñecían”, manifesta.

VILLARES: “NON É O MOMENTO DE FALAR DE COMPETENCIAS SENÓN DE SAÚDE”

Os rexedores mantiveron unha reunión telemática co  conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, recalcou trala xuntanza virtual que “o que nos ten que preocupar e ocupar é a saúde do nosa xente”; non ten sentido nestes momentos falar de competencias nin de responsabilidades; porque ademais os Concellos “temos as que xa tiñamos ata este momento”.

O rexedor cervense considera que “o reforzo das probas PCR, tal e como se está a facer, é a única forma para poder facer un seguimento fidedigno da expansión do virus e poder controlalo”.

Villares apela á “colaboración institucional” e á “responsabilidade individual” para poder reverter a situación, e tamén fai un chamamento á calma “é un momento no que todos os mariñaos temos que seguir rigorosamente as normas establecidas polos organismos competentes; un momento no temos que estar en alerta pero non en alarma porque vamos ter que convivir con este virus ata que apareza a vacina”, subliña.

Por outra banda, Villares valorou que se fixase un período de cinco días revisable en función da evolución do brote á hora de aplicar as medidas preventivas na comarca “porque hai moitos sectores afectados que precisan normalizar a súa actividade en canto as condicións sanitarias o posibiliten”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here