O Sergas confirma 23 novos positivos na Mariña, para un total de 144

Cinco pacientes con Covid-19 permanecen ingresados no Hospital da Costa

Unha sanitaria, antes de realizar un test de coronavirus no Hospital Público da Mariña. EFE/ELISEO TRIGO

O número de casos activos de coronavirus no brote da Mariña Lucense experimentou unha nova repunta, con outros 23 casos para un total de 144, segundo o reconto oficial ofrecido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Despois de que a Consellería de Sanidade notificase tres positivos no día de onte e o propio presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, falase “dunha pequena regresión”, o incremento é similar ao dos días 6 (con 22 infectados máis) e 5 de xullo (con 21 afectados máis na xornada na que se decretou o peche da comarca), o que semella amosar unha tendencia afastada dun receso.

Dos 144 casos activos, “a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve”, afirma o Sergas, que concreta que cinco destes pacientes atópanse ingresados no Hospital Público da Mariña, todos en planta e cunha evolución “favorable”.

A Consellería de Sanidade segue a descartar unha transmisión comunitaria e insiste en que estes 144 positivos “están vencellados ao brote“, o que “permite garantir a trazabilidade dos casos e seguir na mesma estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar canto antes a transmisión”. O pasado mércores, concreta o Sergas, realizáronse 283 probas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here