IniciosociedadeOs alcaldes do PP acusan aos rexedores do PSOE e BNG de...

Os alcaldes do PP acusan aos rexedores do PSOE e BNG de “alarmar” con “fins partidistas”

Os catro gobernos locais conservadores do distrinto saen en defensa da Xunta trala carta asinada por outros dez Concellos

Publicada o

- Advertisement -

Os alcaldes do Partido Popular no distrito sanitario da Mariña, Alfonso Villares (rexedor de Cervo), Demetrio Salgueiro (Xove), Suso Novo (O Vicedo) e Manuel Otero (Mondoñedo), asinaron un comunicado no que, “en representación das veciñas e veciños do seu municipio”, defenden a xestión da Xunta de Galicia con respecto ao brote de coronavirus na bisbarra da Mariña Lucense, que obrigou a pechar os 14 municipios, e cargan contra os gobernos locais dos outros dez concellos, que pediron nunha carta o aprazamento das eleccións autonómicas.

Os rexedores confirman a súa “vontade de máxima dispoñibilidade e colaboración coas autoridades sanitarias, en particular, en apoio das medidas vixentes aprobadas pola Consellería de Sanidade o pasado domingo e dirixidas a protexer a saúde dos veciños da Mariña e a reducir as posibilidades de contaxio ante o brote de Covid-19 rexistrado na comarca”.

Neste sentido, e fronte ás críticas á “falta de transparencia” da Xunta por parte dos dez rexedores mariñaos do PSdeG-PSOE e BNG, afirman que as autoridades sanitarias “están a proporcionar aos alcaldes do distrito sanitario información diaria, efectiva e completa, sobre a evolución do rebrote e da situación epidemiolóxica”.

Salgueiro, Villares, Novo e Otero lamentan “que un grupo de alcaldes estean aproveitando esta situación para xerar un alarmismo inxustificado, con fins claramente electorais, e co obxecto de condicionar dun xeito partidista as eleccións do próximo domingo“.

ALERTAN DUN “DANO IRREPARABLE” PARA O COMERCIO

“Este comportamento é especialmente grave se temos en conta a actitude leal que todos os alcaldes mantivemos desde que comezou a pandemia e iso que ao longo dos meses nos que se prolongou o estado de alarma e mando único houbo motivos máis que de sobra polos que alzar a voz, pero sempre primou unha actitude responsable”, argumentan.

“Esta actitude alarmista pode tamén provocar un dano económico irreparable á comarca e a moitas empresas, comercios e negocios que estaban en pleno proceso de recuperación, todo iso sen prexuízo de adoptar todas as recomendacións que realizan ou poidan realizar no futuro as autoridades sanitarias”, proseguen.

NEGAN QUE O GOBERNO AUTONÓMICO “DESCARGUE RESPONSABILIDADE” NOS MUNICIPIOS

Os alcaldes dos outros dez municipios do distrito sanitario reclamaban á Xunta que asuma as competencias de control da pandemia e declaraban que os Concellos carecen de medios para asumir a vixilancia imposta pola normativa do Goberno autonómico.

“Aos Concellos se lles está a requirir unha colaboración proporcionada, sempre no ámbito das súas competencias e do escrupuloso respecto á colaboración institucional que ten que primar neste ámbito”, manifestan os asinantes. “Non é certo que se descargue máis responsabilidade nos gobernos locais nin responsabilidades das que na actualidade temos, no ámbito do control sanitario”, esgrimen, “e non resulta responsable intentar desentenderse de apoiar cando se trata de garantir a seguridade e saúde de todos”.

Finalmente, resaltan que “a Xustiza vén de confirmar que, cos protocolos sanitarios vixentes, se dan todas as garantías de seguridade cara o vindeiro 12 de xullo coa premisa fundamental de que se poida exercer o dereito ao voto con plenas garantías sanitarias, tanto para os cidadáns que se acheguen a votar como para o persoal integrante das mesas electorais”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...