Sanitarios cuestionan os datos do brote que dá a Xunta e recollen sinaturas para adiar as eleccións

Alertan dun "desfase" entre as cifras de positivos comunicadas e as manexadas polos profesionais e cren que os comicios poden derivar "nun problema de saúde pública"

Probas de Covid-19 en Burela. CARLOS CASTRO/EP/LUGO XORNAL

Sanitarios do distrito da Mariña cuestionan os datos ofrecidos pola Xunta de Galicia respecto do brote de coronavirus da bisbarra. Profesionais tanto do Hospital da Costa como de Atención Primaria constatan “un desfase” entre o número de casos ao que teñen acceso a través do sistema Ianus e o que facilita publicamente cada día a Consellería de Sanidade, sempre significativamente menor.

“Hai un desfase entre o que se publicita e o que hai”, explica Iago Villamil, médico do Hospital Público da Mariña, que explica que “se os facultativos teñen acceso aos datos, nos seus centros de saúde, das PCR feitas polo servizo de microbioloxía, tamén por suposto o ten a Consellería; a información existe, o que non sabemos son cales son os criterios e os motivos polos cales non se dá”.

Villamil expón que os sanitarios son conscientes desta diferenza desde “hai semanas” e argumenta que “se os datos aos que temos acceso os profesionais non son fidedignos, sería para soprenderse”.

CRITICAN A “OPACIDADE INFORMATIVA” DO SERGAS

O pasado mércores, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) informaba sobre as 15.20 horas aos medios de comunicación dun total de 144 casos relacionados co brote da Mariña Lucense. A esa altura, a cifra de positivos era de 163 só nos municipios de Xove, Cervo, Burela e Foz. Se ben é certo que o concello burelao é o municipio máis castigado polo foco de coronavirus, as contas non saen tendo en conta que só no concello de Viveiro detectábanse, segundo confirmou o Concello, outros once infectados, con 46 persoas confinadas; o alcalde de Ribadeo, a última hora do mércores, comunicou catro infectados de Covid-19, con 20 veciños en seguimento; Barreiros ten cinco afectados e 45 illados, confirmados polo goberno local.

“Hai un constante baile de cifras porque constantemente se cambian os criterios”, afirma Villamil, que critica a “opacidade informativa” e lembra que Galicia é das poucas Comunidades Autónomas “que aínda non dan datos por concellos“, remarca o facultativo, unha política que a Consellería de Sanidade mantivo desde o inicio da pandemia.

“A sensación que se ten, dunha forma ampla, entre o persoal sanitario é que non se está a traballar dunha forma profesional e seria, que hai outra serie de cuestións que están interferindo entre outras cousas no tratamento da información, que non está a ser obxectivo”, sostén Íñigo Melchor, médico do Punto de Atención Continuada (PAC) de Viveiro.

MENSAXES “IRRESPONSABLES”

Villamil referiuse ás mensaxes do Goberno autonómico sobre a evolución da pandemia, a partir dos datos ofrecidos. O pasado martes, o presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feijóoapuntaba a unha “pequena regresión” dos positivos despois de informar a Xunta dun incremento de tres casos, suxerindo incluso avaliar “abrir parte” da Mariña; ao día seguinte, Sanidade informou de 23 infectados máis, por 22 novos afectados anunciados o luns (con nove altas), 21 o domingo (con sete altas) nunha xornada na que Sanidade decretou o peche da comarca, e 26 do sábado.

“Foi un comunicado irresponsable“, porque “insinuou a fin dos problemas cando non está nada claro que o brote estea en remisión; apenas imos aprendendo cousas desta enfermidade e deberamos ser prudentes”, remarca o facultativo.

DUBIDAN DE QUE NON EXISTA TRANSMISIÓN COMUNITARIA

Os sanitarios dubidan tamén de que non existatransmisión comunitaria” na Mariña Lucense, unha tese na que insistiu o Sergas desde o primeiro día. Na rolda de prensa na que anunciou as restricións que se aplican na Mariña a fin de contaxiar o virus, celebrada no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asegurou que a mencionada propagación local “aínda non se deu”. O pasado mércores, con 45 casos máis, o Sergas insistiu na mesma idea, afirmando que “todos os casos teñen relación”.

Horas antes da rolda de prensa de Almuiña, un informe do Subdirector Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía alertaba de que “non se pode descartar unha transmisión comunitaria de baixa intensidade allea ao brote, debido aos casos que aínda non se poideron relacionar con el”.

Tanto Villamil como Melchor están máis de acordo con esta postura. “Se ti non podes conectar todos os casos, tes que recoñecer que hai posibilidade de transmisión comunitaria, co risco que iso implica”, manifesta este último.

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña emitiu días atrás un comunicado no que lembra que “apareceron contaxios nun parque de bombeiros, en establecementos hostaleiros de dúas localidades, nun supermercado de Ribadeo, nun club de fútbol ou en empresas do sector pesqueiro“. Deste xeito, instou ao Sergas a “que demostren a relación e a causística entre os positivos das diversas localizacións, pois de non ser posible “teriamos que falar dunha transmisión comunitaria e non un brote como nos queren facer crer”.

VEN NOS COMICIOS “UN RISCO”

A teima da Xunta de Galicia en celebrar as eleccións autonómicas malia a petición de aprazamento de boa parte das forzas da oposición –BNG, Galicia En Común-Anova Mareas e Marea Galeguista– e de 10 dos 14 alcaldes do distrito sanitario da Mariña Lucense, é unha preocupación entre o persoal sanitario, que iniciou unha recollida de sinaturas para pedir a paralización dos comicios. A iniciativa tivo a súa continuación na rede.

Os sanitarios, que se dirixen ao presidente da Xunta de Galicia, afirman estar “francamente preocupados polas manifestacións do conselleiro de Sanidade de que pacientes en corentena poidan acudir aos colexios electorais rachando o illamento indicado; pode xerarse un problema de saúde pública“, resaltan.

“AS CORENTENAS SÓ SE PODEN ABANDONAR POR CAUSAS DE FORZA MAIOR”, LEMBRAN

O persoal do Sergas fala de “brote epidémico non controlado” e insta ao presidente do Goberno autonómico a “declarar causa de forza maior” o dereito ao voto, pois “só iso pode facer que un afectado abandonara a corentena. Se hai catro meses votar non o era, tampouco pode selo agora”, sosteñen.

Melchor lembra que os positivos teñen “dereito legal a votar” e pregunta que vai pasar con eles. “Hoxe hai máis casos positivos na comarca da Mariña que en toda Galicia cando se decretou o confinamento“, salienta.

“No estado de alarma anterior, o primeiro que se fixo foi trasladar as eleccións autonómicas. Aquí non había demasiada incidencia do coronavirus. Agora que hai casos, que temos un brote, non se fai”, expón unha facultativa do centro de saúde de Burela. “Non ten ningún sentido, isto é xogar con lume, porque hai un risco real e efectivo“, lamenta.

1 COMMENT

  1. Hay que aplazar elecciones, los que estan en cuarentena no deberian salir (como propone feijoo) y los positivos no deberian perder su derecho a voto. Hagamos caso a los sanitarios, esos a los que saliamos a aplaudir….

    Firma la peticion http://chng.it/KydnTDmy

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here