FCAM e Mancomunidade impulsan unhas xornadas gastronómicas para “recuperar a confianza” na hostalería

Produtores, Administracións e locais involucraranse para exaltar os produtos de tempada, do 24 de xullo ao 30 de agosto, nunha iniciativa a fin de reactivar a economía tralo peche

Cajoto e Paleo na rolda de prensa. JUAN MAYA

JUAN MAYA. Nunha rolda de prensa celebrada esta tarde en Foz, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Francisco Cajoto, e o presidente da Federación de Comercio da Mariña (FCAM), José Carlos Paleo, compartiron que, coa intención de reactivar a economía da comarca, o colectivo de Concellos e maila asociación de empresarios van desenvolver unhas xornadas gastronómicas en colaboración cos restaurantes. Esta iniciativa terá lugar durante todas as fins de semana a partir do vindeiro 24 de xullo ata o 30 de agosto.

O presidente da FCAM explicou que a iniciativa vai supor un “impulso” para reactivar a economía. O “obxectivo común” de comercio local e Concellos é “acelerar o proceso” e poder aproveitar “as seis semanas de verán que temos aínda por adiante”. Consideran que a cita gastronómica supón “unha escusa para saír da casa durante as fins de semana“.

POÑER EN VALOR “A HORTA DA BISBARRA”

“Estas xornadas van ser un arranque simbólico para que se recuperen as máximas actividades posibles atendendo ás circunstancias especiais que temos”, explicou. Paleo lembrou que “non podemos pasar de 100 a cero”, pero afirmou que a intención é a de “recuperar ao máximo posible os eventos que están pendentes, ilusionar aos da casa e atender á xente que vén de fóra”.

O presidente da FCAM comentou que “vai haber unha serie de colaboradores directos” que serán “os distribuidores locais” e que se encargarán de “propoñer ofertas especiais para os hosteleiros” coa fin de “poñer en valor a horta da Mariña”.

Os clientes poderán desfrutar “da pescada do pincho, do bonito, do marisco, dos produtos da horta mariñá, da tenreira galega, do peixe do día”, resumiu Paleo. “Queremos fomentar o consumo dos produtos de tempada desta zona que todos os bares, mesóns e restaurantes teñen nas súas cartas, xa sexa como tapas, como racións ou como pratos dos seus establecementos”, concretou.

“Cidadanía e visitantes deben recuperar a confianza na nosa hostalería, que está perfectamente preparada para ofrecerlles un servizo con seguridade e cumprindo con todas as normativas establecidas”, remarcou.

O PUNTO DE PARTIDA “PARA UNHA VISIÓN DE COMARCA”

Paleo lembra que “estamos remando todos na mesma dirección” para “arrancar o máis rápido posible deste parón e que esto sirva de inicio dunha visión comarcal”.

Paleo manda unha mensaxe de ánimo ao considerar que “temos que saír adiante e ímolo conseguir” e que se trata dunha “continuación do que vai ser o verán”.

Cartel promocional das xornadas. AXM

USO DAS REDES SOCIAIS

As xornadas empregarán as redes sociais a través do uso de cancelos como #DegustaAMariña nas publicacións, debido á “forza e á facilidade” que teñen para facer chegar á xente información sobre “as racións e a oferta hostaleira. A Consellería de Pesca tamén “colaborará activamente” nesta iniciativa para que “isto se potencie”.

“Nós o que queremos realmente é que se faga a vida comercial diaria, que as canles de distribución se activen outra vez e acelerar o proceso de funcionamento”, engade. “Isto é un arranque simbólico pero real para funcionar, entre todos, sumando actividades; imos facer un normal verán cos inconvenientes que non podemos salvar”, conclúe.

AS MEDIDAS DE SEGURIDADE “SERÁN AS AXEITADAS”

Cajoto, pola súa banda, considera que “o impacto é moi forte, moi duro” e que hai hosteleiros que comparan estes primeiros días do verán “cos meses do inverno”. A pesar de que “non imos chegar ao 100% doutros anos”, a intención é a de ”facer que o sector funcione tamén cunha menor afluencia”.

Destaca que A Mariña é unha “zona de turismo tranquilo, sen masificar, que segue sendo atractiva a pesar do brote”. As medidas de seguridade para reducir posibles contaxios serán as “axeitadas” e recorda que os números “van baixando”.

“Queremos que a reapertura sexa ordenada e queremos que se faga de xeito efectivo e que a xente teña confianza no sector e na comarca”, explica o presidente da Mancomunidade. ”Hai moitas persoas que queren vir e que nos están preguntando cando podían acudir aquí de novo, e dende logo que se nota que imos recuperando a normalidade, que era o que pretendiamos todos e se é posible acelerala”, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here