Ribadeo retoma a folla de ruta cultural de verán, con Davide Salvado e Fransy González ou Sarabela Teatro

A programación arrinca o vindeiro venres cun concerto da cantautora MJ Pérez, no teatro

Davide Salvado. AXM

Música, teatro, danza e espectáculos para os máis pequenos e pequenas da casa conforman a axenda cultural do Concello de Ribadeo para as vindeiras semanas, que hoxe presentada pola concelleira desta área, Pilar Otero. A programación arrinca este venres, 24 de xullo, cun concerto de MJ Pérez no Teatro (21.00 horas).

A edil ribadense dixo que “nunca presentaramos unha programación cultural nunha situación parecida. O confinamento puxo en evidencia que a cultura lle presta un servizo á sociedade. Non só xerando produtos de lecer senón tamén dinámicas de cohesión social. É por iso polo que confeccionamos un plano cultural para o verán que tenta verse afectado o menos posible pola situación que vivimos”, remarcou Otero. A pandemia obrigou a reorganizar espazos e pospoñer eventos.

ARTES PLÁSTICAS

No tocante á plástica, “ata principios de agosto aínda temos a oportunidade de ver na oficina de Turismo as fotografías de Miguel Muñiz agrupadas co nome de ‘Fráxiles raíces‘. Temos que dicir que anulamos as outras propostas que tiñamos previstas nesta sala para o verán pois a actual situación que vivimos non fai aconsellábel favorecer a concentración de persoas nun lugar que xa de por si recibe moitas visitas de todo o mundo. Si terá actividade a sala de exposicións do parque San Francisco. Os primeiros días de agosto coa pintura de Ramón Jesús López Castro e a partir do día 10 coa obra de Carmela Villa Río. E xa a finais de setembro temos unha cita moi especial en canto que está organizada pola asociación A Concordia unha mostra de traballos do artista ribadense Suárez Couto”, resumiu.

CONCERTOS

MJ Pérez suma xa catro discos a pesar da súa mocidade. No concerto en Ribadeo tocará os temas do último: ‘A luz prendida‘. Abrirá o espectáculo o dúo de Tapia, Redness. A entrada ao espectáculo custa cinco euros.

Otero seguiu a relatar que “un xénero musical diferente é o que traen Davide Salvado e Fransy González, que actuarán ao aire libre no mes de agosto no Cantón. Trátase dunha revisión da canción tradicional con dous artistas de grande talle”, expuxo Otero. Os Acordeonistas da Mariña actuarán tamén no teatro.

Dun pasarrúas encargaranse Brassica Rapa, “sete mulleres que ofrecen un espectáculo moi variado que mestura música instrumental e vogal coa multipercusión. O seu repertorio vai de grandes éxitos do pop á música tradicional galega, pasando por temas máis jazz, música actual reivindicativa ou bandas sonoras de películas. Recollen sobre todo influencias das brassbands neoiorquinas, pero tamén das bigbands ou das charangas tradicionais”, concretou a concelleira.

“Espectáculo de rúa do xénero clown é o exitoso Saaabor, que vén da man da promotora Culturactiva. E por primeira vez Ribadeo acolle un dos concertos do Festival Bal y Gay, que chega á súa VII edición, máis cerca cada ano de ser un proxecto de música clásica para toda a Mariña. O día 24 de agosto no auditorio municipal Hernán Naval poderemos escoitar a sinfonía núm. 3, Heroica, de Beethoven a cargo do Bal y Gay Ensemble“, continuou Otero.

Pilar Otero. AXM

TEATRO E DANZA

Sobre teatro e danza a concelleira de Cultura sinalou que “entre as obras teatrais que o Covid obrigou a suspender no primeiro semestre está ‘Crónicas do paraíso‘, de Sarabela Teatro. Para moitas persoas será tamén a primeira vez que vexan a Sarabela non dentro dun teatro senón ao aire libre. En setembro temos dous espectáculos de danza, un que terá lugar en exterior, e outro, Blowing, de Mucab Dans, no auditorio municipal. Ambos os dous, para todos os públicos”.

XORNADAS DE HISTORIA LOCAL E ASTRONOMÍA

Otero contou que “outra entidade local, a Agrupación Cultural Francisco Lanza, leva a termo as súas XVIII Xornadas de Historia Local, que este ano versarán arredor da toponimia das parroquias ribadenses e da outra beira do Eo por medio dunha charla e dun percorrido en barco pola ría. E divulgación tamén é acoller como fai a área de Medio Ambiente, unhas xornadas de astronomía con charlas e sesións de observación organizadas pola USC tituladas A astronomía nas rutas xacobeas, enmarcadas nos eventos do Xacobeo 21”, resumiu.

PROGRAMA APEGO

Respecto do Programa Apego, a edil ribadense indicou que “comezamos cun clásico dos espectáculos de títeres galegos. A compañía de Larraitz Urrusolam, co mestre Kukas no deseño do retablo, presenta Dona Barriga Verde, no parque San Francisco. Con protagonista feminino, por primeira vez nas tradicións europeas”, subliñou.

Ademais, Pesdelán presentará o espectáculo ‘Na palma da man‘. Nesta nova proposta, tras ‘Na punta do Pé’, o grupo dá a coñecer os bailes e danzas máis divertidos da Península Ibérica.

“Xa no mes de setembro, no Hernán Naval, dentro do ciclo Escena Norte, temos un espectáculo da compañía asturiana Acar Teatro del Mundo, ‘La loka historia de Frankenstein‘ Para rematar, e dentro do programa Ler conta moito da Xunta de Galiza, a biblioteca municipal vai acoller tres espectáculos de animación á lectura, un deles para bebés”, concluíu Otero.

“A programación conta coa colaboración de entidades como a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, a través do programa Xacobeo 21 e Ler conta moito, e tamén do Ministerio de Cultura a través do programa Platea”, finalizou a edil. Podes consultar as datas nesta ligazón: PROGRAMACIÓN VERÁN 2020 (AXENDA) (1)

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here