Burela e A Mariña réndense ao bonito con actos na honra dos mariñeiros e da Feira e xornadas na hostalería

Unha exposición de carteis, o certame de pintura Amarte ou o izado da bandeira azul no barco-museo servirán para lembrar a exaltación gastronómica, cancelada polo virus

Inicio do certame de pintura mural Amarte. AMARTE/CONCELLO DE BURELA

Burela celebrará este sábado 1 de agosto una xornada de lembranza á Feira do Bonito, declarada de Interese Turístico Nacional, e unha homenaxe á xente do mar, dentro das restricións impostas pola nova normalidade. Ademais, esta pesquería emblemática da Mariña Lucense tamén se exaltará con diferentes pratos e menús na hostalería da comarca.

Segundo declarou o alcalde de Burela, Alfredo Llano, o 1 de agosto era o día marcado para celebrar a trixésimo sexta edición do evento, cancelado por mor das medidas para evitar contaxios de coronavirus. “Imos tratar de lembrar polo menos o día da celebración da Feira do Bonito cun acto moi pequeniño, pero que é moi notorio e supoño que nos vai servir para facer unha homenaxe á xente do mar, á pesca e aos actos pesqueiros en xeral”, remarcou o rexedor.

Ás 12.00 horas será o izado da bandeira azul no no barco museo Reina del Carmen e alí faremos unha pequena homenaxe á xente do mar”. Ademais, tamén haberá outras actividades: “puxemos na Casa da Cultura unha serie de carteis grandes de diferentes edicións da feira do bonito. Esa exposición vai estar durante uns días”, indicou o alcalde burelao.

Exposición de carteis en Burela. AXM

O rexedor tamén fixo referencia ao certame de pintura Amarte: “hai que ter en conta que tamén paralelamente se vai a celebrar o concurso de pintura mural, que xa comeza hoxe. Vai quedar ben esa estampa de ver como pintan espectacularmente unha serie de debuxos que quedan preciosos e que van completando pouco a pouco o que é o muro do porto”. Finalmente, expuxo Llano, “haberá outras actividades preparadas por Ledicia”.

A exposición de carteis da Feira do Bonito foi visitada polo alcalde, que estivo acompañado pola presidenta de Ledicia, Rocío Rivera, e polo concelleiro de Cultura, José Díaz.

BARES E RESTAURANTES DA COMARCA OFRECERÁN RECEITAS DO TÚNIDO NA FIN DE SEMANA

Por outra banda, a campaña #DegustaAMariña rende homenaxe do 31 de xullo ao 2 de agosto ao bonito, na fin de semana na que tería que celebrarse a Feira en Burela.

O presidente da Federación de Comercio A Mariña (FCAM), José Carlos Paleo, dixo que “o que estamos a facer deste o 24 de xullo é lembrar e homenaxear ás festas gastronómicas da comarca que este verán foron canceladas. Primeiro foi a pescada do pincho e agora facémolo co bonito. O que pretendemos ademais é fomentar o consumo dos produtos de tempada desta zona que todos os bares, mesóns e restaurantes teñen nas súas cartas”.

Paleo anima “á xente da comarca e aos turistas que nos visitan a saborear e a disfrutar dos produtos do noso mar e da nosa horta. O que tentamos é potenciar o seu consumo durante as fins de semana ata finais de agosto. E que cada persoa que deguste pescada, bonito, marisco, colgue as súas fotos en Instagram empregando o cancelo #DegustaAMariña e describa brevemente a súa experiencia gastronómica”. Os locais hostaleiros da comarca tamén colgan nas redes as súas elaboracións “para abrir boca entre todos os seus seguidores e seguidoras nas redes sociais”. A campaña durará todo o mes de agosto.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here