A Mariña estará en alerta laranxa por choivas desde esta tarde

Está previsto que o fenómeno meteorolóxico comece nas últimas horas deste martes e que remita á primeira hora de mañá mércores

Mapa de Aemet para o mércores. AEMET

EFE. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta de Galicia informou este martes de que activou “a alerta laranxa por choivas” no noroeste e no interior da provincia da Coruña, así como no centro, na montaña de Lugo e na Mariña. Está previsto que o fenómeno meteorolóxico comece nas últimas horas deste martes e que remita á primeira hora de mañá mércores, segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).

AVISO AMARELO POR TORMENTAS

A Xunta sinala nun comunicado que as choivas poden estar acompañadas de saraiba, motivo polo que desde este mediodía tamén se activou a alerta amarela por tormentas e por choivas no centro e na montaña de Lugo e, desde as últimas horas da noite, por precipitacións no noroeste e no interior da Coruña e na Mariña, que poden chegar a acumular 70 milímetros en 12 horas.

Ademais, no sur de Lugo e en zonas de montaña e de Valdeorras (Ourense) o nivel do aviso será amarelo por tormentas a partir deste mediodía, con probabilidade tamén de saraiba. Co fin de garantir a seguridade do bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informou, a través do 112, aos municipios afectados, a deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here