IniciosociedadeBurela impulsa unha campaña de concienciación nas rúas para "coidar dos contactos"

Burela impulsa unha campaña de concienciación nas rúas para “coidar dos contactos”

A iniciativa, que arrincará a vindeira semana en distintas localizacións da vila, insta a garantir as distancias para evitar "paralizar a nosa comarca de novo"

Publicada o

JUAN MAYA. A Concellería de Servizos Sociais de Burela continúa coa campaña de concienciación social por mor da Covid-19. Baixo o título de “Garda os teus contactos”, o Concello pretende reforzar as medidas de seguridade mediante a difusión de información nas rúas. Diversos profesionais -entre os que se encontran, por exemplo, médicos, deportistas, psicólogos e influencers locais-residentes en Burela serán os encargados de supervisar que os cidadáns “teñen as mans limpas, fan un bo uso da máscara e manteñen a distancia de seguridade”. Entre os participantes estarán a directora do Hospital da Costa, María José Cortés, o veterinario Germán Quintana ou a farmacéutica Catalina Caamaño, entre outras persoas. Dende o Concello lembran a importancia de minimizar a lista de contactos directos, así como a definición que emprega o Sergas: “calquera persoa que estivese no mesmo lugar que un caso, a unha distancia menor de dous metros e durante máis de 15 minutos sen as medidas de protección adecuadas”. Carmela López explicou que a iniciativa naceu porque recibían dúbidas a través das plataformas dixitais nas que ten presencia o Concello e “decidimos que era unha boa oportunidade”. Así mesmo a edil clarificou que se trata de “reforzar o aprendido durante estes meses coa intención de manter a situación baixo control e non paralizar a nosa vila e a nosa comarca de novo”. O municipio de Burela padeceu coma ningún outro o brote localizado na Mariña á altura do San Xoán, que fixo que a Consellería restrinxise a entrada e saída libre do concello.

DURACIÓN INDEFINIDA

Esta iniciativa arrancará a vindeira semana e terá unha duración indefinida en distintas localizacións do pobo. Dende o Concello tamén contemplan promover encontros telemáticos con asesores especializados na enfermidade para facer que “a información chegue á cidadanía” e incidir no bo uso das instalacións municipais e dos espazos públicos. Se é posible, non descartan realizar eventos en espazos ao aire libre.
Campaña de concienciación social “Garda os teus contactos”

CHAPAS E CAMISOLAS COMO PREMIO

A campaña, que naceu nas redes sociais, da agora o salto ás rúas para “escoitar tamén as dúbidas e inquedanzas dos veciños” e poder “afrontar esta situación con unión e conciencia colectiva”. O Concello pretende continuar empregando as plataformas dixitais e realizará sorteos de camisetas e chapas con lemas e mensaxes para concienciar sobre os perigos da enfermidade. Durante o estado de alarma os veciños “implicáronse moito a través de Facebook, Twitter, Instagram e WhatsApp, e o mesmo cos comerciantes e asociacións”, explicou a edil. Recordou tamén que hai que ser “optimistas pero sen relaxarse nin un momento” porque “non o podemos permitir”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...