A mindoniense Carmen Pavón acada o Premio Extraordinario de Bacharelato

A ex alumna do IES Plurilingüe San Rosendo foi a única da provincia que recibiu o galardón

Carmen Pavón Souto. AXM

Como boa estudante, estaba onde tiña que estar -na aula- e foi “a última en enterarse”. A cantidade de whatsapps que Carmen Pavón Souto recibiu na mañá do xoves presaxiaban unha boa nova: esta moza mindoniense de 18 anos vén de ser distinguida co Premio Extraordinario de Bacharelato que concede a Xunta de Galicia.

Dos 20 estudantes recoñecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Pavón foi a única representante da provincia de Lugo; na Coruña recibiron o premio dez alumnos, por oito de Pontevedra e un de Ourense. O galardón está dotado con 1.000 euros.

PROBAS

A moza cursou o Bacharelato no IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo. Para poder optar ao premio precisou dunha nota superior ao 8,75 e despois debeu presentarse a tres exames: dous deles comúns, de inglés e comentario de texto, e outro relacionado coa rama do Bacharelato elixida.

para optar á distinción, dotada con mil euros, requírese unha nota media superior ao 8,75 e pasar tres exames

ETAPA NO INSTITUTO

A rapaza garda un grato sabor de boca do seu paso polo instituto mindoniense. “Atopeime con varios dos mellores profesores que tiven na vida e creo que non podo falar mal de ningún”, expón. No centro están “máis que orgullosos”, indica a directora, María José Cuesta.

Onde estivo a chave para acadar tan bos resultados? “Agora que vexo aos compañeiros da Universidade doume conta de que non era demasiado organizada para estudar e ás veces síntome culpable”, ri. “O que quizais fixen ben é que fun pouco a pouco, sen agobiarme pola presión que hai coa Selectividade. É o que podo recomendar a outros alumnos”, argumenta.

a moza recomenda a outros alumnos “organizarse e non agobiarse coa presión da selectividade”

Desde Santiago de Compostela, onde cursa un doble grao de Matemáticas, Pavón confesa que “dalgunha maneira esperábame gañar o premio, porque me fixei nas calificacións anteriores e pensei que podía conseguilo”. O que non agardaba é a esixencia do ensino superior: “hai que traballar moito”, ri.

AFICIÓNS

Amante da lectura, Carmen tamén escribe poesía. “Non son moi boa”, insiste, pero xa ten mostrado a súa escrita no recital poético que se celebra en Mondoñedo no primeiro de maio.

FUTURO

Malia que sempre lle gustaron as ciencias e as matemáticas, Pavón non sabe aínda cara onde tirará no futuro. “Non teño pensado que vou facer; en realidade, escollín a carreira un pouco a última hora, con dúbidas”, sinala.

En todo caso, seguirá coa receita que lle foi ben ata agora. Ir pouco a pouco e non preocuparse en exceso polo seguinte paso.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here