A Xunta adiou o inicio das clases en oito colexios galegos en obras agás no de Xove, denuncia a CIG

O sindicato ve "un agravio comparativo" na negativa da Consellería de Educación a dar máis tempo para preparar o centro, onde "non se pode desenvolver con normalidade o curso"

Obras no Ceip Caselles Rollán de Xove. AXM

A CIG-Ensino emitiu un comunicado de prensa no que denuncia “a actitude da Consellería de Educación e da Xefatura Territorial de Lugo”, que denegaron retrasar o inicio do curso no Ceip Caselles Rollán, onde a directiva presentou a súa demisión ao non acceder a Xunta a darlle máis tempo para preparar, de cara ao inicio do curso, o centro educativo, no que se realizaron obras de reforma no interior -rematadas o pasado 4 de agosto- e no que continúan as actuacións no exterior do edificio.

O sindicato asegura que a postura da Xunta supón “un agravio comparativo” para o alumnado, profesorado e familias de Xove “ante as decisións que se tomaron noutros centros educativos en situación similar. Ata oito colexios de Galicia retrasaron a apertura por obras, en Ribeira, Monforte, Ourense, Valga, Marín, Pontevedra, A Cañiza e Vilanova de Arousa“, remarca a central nacionalista.

QUEIXAS DAS FAMILIAS E DA DIRECCIÓN

No Ceip de Xove iniciouse “un complexo proxecto de rehabilitación enerxética“, remarca a CIG, con ata 670.000 euros de investimento, e cuxa fin “estaba prevista para antes do inicio do curso actual. Porén, a fin das obras actualmente distan de estar rematadas. Se o estado das instalacións son determinantes para o inicio con normalidade do curso escolar, no contexto dunha pandemia mundial, a adecuación dos espazos e dunhas instalacións axeitadas condiciona por completo a actividade escolar e o cumprimento do protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 da propia Consellería”, afirma. Así o expresaron taamén os docentes e tamén a Asociación de Nais e Pais (Anpa) do centro.

“Unha simple ollada ao aspecto que loce o centro neste momento permite comprobar que non se pode desenvolver con normalidade a actividade escolar, e moito menos coas garantías que se deben cumprir para asegurar o dereito á saúde da comunidade educativa: a presenza de andamios, os ruídos do exterior e o xenerado polas obras impide a correcta ventilación das aulas, tal como recomendan as autoridades sanitarias, e prescribe o protocolo Covid-19.

“IGNORAN OS DEREITOS DO ALUMNADO E O PROFESORADO”

“A isto hai que sumar que as obras no interior do centro e das aulas remataron o día 4 de setembro, a tan só seis días do inicio de curso, polo que non houbo marxe para todos os traballos necesarios de limpeza, desinfección, traslado e colocación do material educativo e sinalización para cumprir o protocolo”, salienta o sindicato, que censura que a Consellería, negándose a adiar o inicio do curso, “esixe comezar a actividade no colexio cunha normalidade que non existe, como se non houbese unha pandemia e as obras nunca tiveran lugar”.

“Unha vez máis vemos como a Consellaría de Educación ignora os intereses da rapazada e do profesorado, neste caso o dereito á saúde e a unha axeitada acción educativa, deixando que sexa o profesorado e a equipa directiva os que asuman todas as responsabilidades, realizando tarefas que van máis alá das súas obrigas profesionais e someténdoos a unha situación de gran estrés“, lamenta.

CONCENTRACIÓNS

A CIG-Ensino chama á comunidade educativa a participar nas concentracións que terán lugar na comarca o día 16 ás 19.00 horas.

As catro organizacións sindicais convocantes da folga no ensinoCC OO, CSIF, CIG e STEG-, xunto coas dúas confederacións de ANPAs do ensino público e organizacións estudantís chaman á realización de concentracións o mércores 16 de setembro ás 19.00 horas diante das Casas do Concello de Ribadeo, Burela e Viveiro, en rexeitamento “pola mala xestión da Xunta e o seu protocolo de volta ás aulas”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here