A Xunta ve “normalidade” no inicio do curso en Xove malia que a asistencia é dun terzo polas obras

A reforma continúa no exterior do edificio sen unha data de finalización; a participación é escasa e quinto e sexto de Infantil comezarán o vindeiro luns por decisión das familias

Ceip Caselles Rollán de Xove. AXM

A Xunta de Galicia asegurou este mércores que o curso desenvólvese con “normalidade” no Ceip Caselles Rollán de Xove, malia que a Asociación de Nais e Pais (Anpa) asegura que a afluencia ás aulas está a ser de arredor dun terzo do total do alumnado, 180 escolares. Moitas familias, polo tanto, optaron por non levar os pícaros á escola ante a situación do centro educativo, con obras de reforma no exterior -por un orzamento de case 700.000 euros- e rematadas hai só doce días no interior.

A Consellería de Educación impuxo o inicio das clases para o pasado luns, con presentacións xa na pasada semana, negándose á petición da directiva do centro de máis tempo para preparar as aulas. A dirección do colexio de Xove presentou de feito a súa demisión, que non foi aceptada polo Goberno autonómico, considerando que as aulas non cumprían as medidas hixiénico-sanitarias necesarias para o inicio. Argumentaban os docentes que a andamiaxe no exterior do edificio impedía a ventilación dos espazos, requerimento imprescindible dentro do protocolo Covid-19 manexado para o curso, e que non houbera tempo para trasladar o material ou realizar a sinalización correspondente.

O GOBERNO AUTONÓMICO INSISTE EN QUE O CENTRO ESTABA “EN CONDICIÓNS”

Nunha resposta ao Xornal da Mariña, a Xunta asegura que “a xefa territorial de Educación en Lugo (Mariña Gueimunde) mantivo unha reunión xa ao principio, co equipo directivo do centro, onde lles ofreceu toda a flexibilización posible para o inicio do curso”.

“Ademais, comprobouse co Concello que as aulas estaban limpas e preparadas, co material pertinente que lle corresponde ao profesorado ordenar. E incluso a Unidade Técnica se desprazou a semana pasada ata o centro para revisar que todo estaba en orde. Polo tanto, o centro estivo en todo momento en condicións para a actividade lectiva, que agora xa se está desenvolvendo con normalidade”, afirma.

Con todo, dista de haber normalidade nun centro no que as obras no exterior non teñen prazo de finalización -a Xunta non contesta á pregunta de cando rematarán as actuacións- e nos que a afluencia a clase, segundo concretan desde a Anpa, é “de arredor do 30% do alumnado”.

A ANPA AGARDA QUE NOS PRÓXIMOS DÍAS SE RETIRE PARTE DA ANDAMIAXE

Se a Xunta fala de normalidade, as familias entenden o contrario. “A afluencia é moi pouca; dado que en Infantil a asistencia non é obrigada non vai practicamente ninguén, tendo en conta tamén que os nenos de cero a tres anos van pouquiño tempo, unha hora, para irse adaptando. Quinto e sexto de Infantil comezarán o luns, como moi cedo, porque así o decidiron os pais. Hai aulas de vinte nenos nas que só están a ir cinco ou seis; a participación rondará o 30% ou o 35%”, resume o presidente da Anpa, José Manuel Cancela. Engade que o comedor comezou a súa actividade con arredor de 30 rapaces, cando se benefician do servizo habitualmente uns 140.

Cancela espera que nos próximos días se retire parte da andamiaxe, onde se sitúan as aulas de Primaria, o que permitiría “ventilar as aulas, que é o que máis falta fai”. Neste sentido, destaca que “é era imposible cumprilo porque ata onte (polo martes) as ventás estaban tapiadas por plásticos porque estaban pintando”.

Por dentro, o colexio está limpo, faltando algo de sinalización“, concreta. Con todo, non agarda que haxa normalidade en breve. “Nas outras áreas do edificio a retirada dos andamios aínda vai tardar e non temos data de finalización, polo que pensamos que alomenos outros 15 días farán falta“, explica, “pois quedan aínda dous laterais por facer”.

AS FAMILIAS: “TRASLÁDASENOS A RESPONSABILIDADE”

Polo tanto, a maioría dos pais considera que o colexio non está preparado e acóllese ao dereito de non levar os nenos á clase. Malia que se trata dun motivo xustificado, no que se apoia a Xunta para alegar “normalidade”, a realidade é que a participación está a ser significativamente menor polas carencias do centro educativo. “Estase a trasladarnos a responsabilidade e a decisión sobre se é seguro ou non levar os nenos a clase, se cumpre ou non coas condicións hixiénico-sanitarias”, conclúe.

Malia que o profesorado admitiu que a situación é distinta da que se xerou o curso pasado en Cervo, onde os pais negáronse a levar durante semanas aos nenos ao continuar as obras no centro, no que as actuacións levaban un atraso moito maior, a actitude da Consellería de Educación non varía, pois malia que os traballos non permiten un inicio do curso na data estipulada, apenas si accedeu a dar un par de días máis, considerados insuficientes pola comunidade educativa. A CIG considerou un “agravio comparativo” o feito de que se aprazase o inicio do curso en oito centros galegos pola realización de reformas, pero non en Xove.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here