O PSdeG levará ao Parlamento galego o arranxo da LU-741, que une A Pontenova e A Fonsagrada

Os socialistas destacan que a estrada padece "un grave deterioro" que prexudica a veciños e empresas da zona

Visita de dirixentes socialistas á estrada LU-741. AXM

O PSdeG-PSOE reclamará no Parlamento arranxar de forma urxente os cinco quilómetros da LU-741, no concello da Pontenova, un vial que une este concello coa Fonsagrada, e que enlaza coa LU-P-1904, “de xeito que sexa segura para tódolos usuarios que utilizan esta vía de comunicación”, expoñen os socialistas.

Así o avanzou a secretaria provincial do PSdeG-PSOE e deputada autonómica, Patricia Otero, tras visitar co alcalde da Pontenova, Darío Campos, este trazado, e cos concelleiros Francisco Martínez e Isabel Couto. “É urxente o arranxo, porque ademais de ser perigoso para os usuarios prexudica a actividade diaria das empresas asentadas nesta zona”, remarcou.

A deputada autonómica sinala na proposta “que apoiar ao rural precisa de investimentos que permitan desenvolver a súa economía e que permitan tamén fixar poboación”. Por iso explica na moción que “o arranxo sería un impulso importante para as empresas que radican na zona, máis necesario agora se cabe pola crise producida pola Covid-19, e ademais melloraría a seguridade da estrada”.

Así as cousas advirte que “este treito presenta unha grave deterioración no firme, unha situación que empeorou nos últimos anos. Na zona hai varias empresas con moita actividade diaria, e a mala situación desta estrada, prexudica, polo tanto, a economía do concello da Pontenova”.

A Voceira de Infraestruturas do PSdeG explica que realizar os arranxos nesta estrada amosaría “un compromiso real” cos veciños da Pontenova por parte do Goberno autonómico de Alberto Núñez Feijóo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here