Cear no Pazo do Tovar e ver o solpor desde a torre, novos atractivos da Ruta da Faba

O roteiro polo municipio de Lourenzá, coa legume como protagonista, volve os días 2, 3, 4, 10, 17 e 24 de outubro, coincidindo co mes da exaltación gastronómica

Presentación da Ruta da Faba 2020. AXM

Os días 2, 3, 4, 10, 17 e 24 de outubro poderán coñecerse os principais atractivos do concello de Lourenzá a través da Ruta da Faba.

Esta iniciativa foi presentada hoxe, venres, no Centro de Interpretación da Faba, onde a alcaldesa de Lourenzá, a socialista Rocío López, explicou que a Ruta da Faba “é un proxecto que xurdiu no ano 2017 e que está dando os seus froitos porque á xente gústalle moito vir a vivir esa experiencia”.

A alcaldesa laurentina comentou que este ano “imos ter unha Festa da Faba distinta, marcada por desgraza por todas as circunstancias que nos están afectando polo Covid-19”.

O PATRIMONIO DO MUNICIPIO, AO ALCANCE NO ROTEIRO

O presidente da cooperativa Terras da Mariña, José Cuadrado, explicou que esta ruta “despois duns meses de stand by, forzados polo Covid-19, decidimos agora, aproveitando as datas de celebración da Festa da Faba, poñela en marcha e ofrecela a todos aqueles visitantes, turistas e xente da comarca que a queiran coñecer. É unha ruta moi completa para poñer en valor todo o noso patrimonio (artístico, cultural, paisaxístico, natural e gastronómico). Ademais a xente que participa leva unha idea do traballo que hai detrás da faba e dáselle visibilidade aos agricultores, que grazas a eles conseguimos este produto de gran calidade”, salientou.

Cuadrado subliñou que nesta ocasión hai dúas novidades nesta ruta porque algúns días “vaise facer en horario de tarde cunha cea espectacular no Pazo de Tovar, onde se poderá gozar, desde o alto da torre, do atardecer e da posta do sol mirando as plantacións do val. E ademais nesta ocasión vai haber a posibilidade de facer a ruta en bugui ou en coches particulares”, expuxo.

A LEGUME, CON PORCO CELTA E COGOMELOS, BACALLAU OU GALIÑA DE MOS

O apartado gastronómico da ruta, coas degustacións da faba, levarase a cabo no restaurante Forno de Tovar. O responsable e cociñeiro do establecemento, Jorge López, explicou que “o produto é de 10 e nesta época está no mellor momento do ano porque podemos gozar dela tanto en fresco como en seco. En canto ao menú acompañamos sempre a faba de produtos autóctonos, de quilómetro 0 na medida do posible. Neste caso o primeiro prato será de fabas con porco celta e cogomelos; no segundo prato serán con bacallau porque é un peixe que temos no seu punto óptimo durante todo o ano; e para rematar farémolas con galiña de Mos, que é unha das mellores razas e apostamos por ela porque sempre cumpre”, manifestou.

Cartel da Ruta da Faba. AXM

“TEMOS QUE REVITALIZAR O NOSO SECTOR PRIMARIO”

Pola súa banda, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Fran Cajoto, fixo referencia á súa vinculación con Lourenzá: “aquí síntome na casa porque desde neno todos os domingos andaba correndo polas rúas de Vilanova. Meus avós son de aquí e faime especial ilusión presentar unha campaña na que colabora fortemente a Mancomunidade nun pobo que sinto como meu”, indicou.

Cajoto destacou que “se pensamos en Lourenzá pensamos na faba. Grazas ao traballo dos que aquí nos acompañan púxose no foco un produto de gran calidade, que sae de Santo Tomé, de San Xorxe, de San Adriano, e que xa se estendeu ao resto da Mariña, co traballo de tantos agricultores”. E engadiu: “temos que seguir revitalizando o sector primario e conectándoo cos grandes profesionais da hostalería que temos na comarca”.

Ademais o presidente da Mancomunidade rematou comentando que “este ano é un pouco distinto, pero estou encantado de colaborar e de que a faba siga soando e dando traballo. O teito non está aínda acadado senón que sumando todos xuntos vamos seguir gozando desta marabillosa legume, que nos vai dar moitos éxitos seguro grazas ao traballo dos que o facedes posible”, concluíu.

INSCRICIÓNS

Na presentación estiveron tamén o concelleiro de Cultura laurentino, Manuel Arango; as técnicas de Turismo da Mancomunidade da Mariña e do Concello de Lourenzá, Tania Hermida e Justa Rodríguez; e o propietario do Pazo de Tovar, José Ventoso.

Para participar na Ruta da Faba de Lourenzá as reservas poden facerse a través do teléfono 646.384.124 e do correo electrónico lourenzaturismo@outlook.es. Nas dúas primeiras xornadas os percorridos serán en horario de tarde e nas catro seguintes desenvolveranse de 10.00 a 18.00 horas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here