Un informe do Xulgado nº 1 de Viveiro pide a creación dunha terceira sala ante a pendencia de asuntos civís

A petición do CXPX, o persoal do órgano xudicial advirte de que os atrasos, "de máis de 30 días", veñen motivados pola carga de traballo e a falla de persoal, situación que agravou a Covid-19

Xulgados de Viveiro. GOOGLE MAPS

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Viveiro emitiu un informe a petición do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), no que advirte de que a elevada pendencia de asuntos en materia civil, “de máis de 30 días de antigüidade“, é un problema que só pode afrontarse desde o reforzo do servizo, solicitando ás Administracións á creación dunha terceira sala.

Nos últimos anos, a acumulación de casos no xulgado viveirense é unha constante. Nun informe elaborado no pasado mes de febreiro, o propio CXPX constataba que a carga de traballo do órgano xudicial era do 161%, isto é, que o funcionariado do servizo asumía un volume de traballo un 61% superior á súa capacidade. Alertaban os propios obreiros, con todo, de que esta inspección realizouse con anterioridade a estalar a pandemia do coronavirus, que incrementou o colapso. A finais de novembro do 2019, a sobrecarga era do 115%, unha cifra que consideraban daquela máis acorde coa realidade da sala.

ATENDE UNHA POBOACIÓN DE 45.000 HABITANTES

O CXPX solicitou ao propio maxistrado titular e ao letrado da Administración de Xustiza a elaboración dun informe no que explique as “causas” desta problemática e “solucións” posibles.

Segundo puido saber o Xornal da Mariña, no informe remitido ao inspector delegado do CXPX, o persoal do Xulgado expón que os atrasos obedecen á “elevada carga de traballo” debido cantidade de asuntos que entran -dos concellos de Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz, cunha poboación estimada de 45.000 habitantes- sen que se produzan reforzos de persoal nin sequera cando se dan baixas.

BAIXAS QUE A XUNTA NON CUBRE

Así, a ausencia por motivo xustificado da tramitadora civil durante un total de 104 días entre marzo e xuño de 2020 non foi cuberta pola Xunta de Galicia; tampouco a baixa da letrada de Administración de Xustiza.

ASUME O DECANATO E O REXISTRO CIVIL

Ademais, expón o maxistrado titular, “este Xulgado ten encomendadas as funcións de Decanato -a oficina que reparte os asuntos e os escritos entre os dous órganos do partido xudicial- e de Rexistro Civil, coa carga extra de traballo que iso conleva”. Finalmente, que a persoa ao cargo da tramitación dos xuízos monitorios non tiña no inicio das súas tarefas formación xurídica específica. Unha situación de sobrecarga do funcionariado da sala que se viu agravada pola Covid-19.

SEN MÁIS PERSOAL NIN AMPLIACIÓNS DE XORNADA

Deste xeito, as solucións propostas polo persoal do Xulgado son as seguintes: que a Xunta dote ao Decanato dun funcionario propio do persoal do Corpo de Tramitación Procesal e Administrativa; a cobertura “inmediata” por parte do Goberno Autonómico das baixas que se produzan; a implementación, por parte do Executivo galego, dun “plan para recuperar o atraso derivado da Covid-19”; a dotación de máis traballadores ou de ampliacións de xornada; e a creación dunha terceira sala no Partido Xudicial de Viveiro.

A creación dun terceiro Xulgado, cunha dotación económica e de persoal correspondente, é unha vella reclamación o Partido Xudicial de Viveiro, que conta ademais con espazo para ubicar este novo servizo. Por agora, esta petición quedou en saco roto, xa que nin Xunta de Galicia nin Goberno central atenderon unha demanda que na Mariña Lucense se considera imprescindible.

CONSECUENCIAS NA CIDADANÍA

Ao longo dos últimos anos, funcionarios dos Xulgados viveirenses -o Xulgado nº 2, coas competencias en Violencia de Xénero, sofre tamén dunha importante acumulación de casos- advertiron reiteradamente non só da carga de traballo que acumulan, senón das dificultades que isto provoca para a cidadanía.

A sala nº 1 ten unha elevada entrada de trámites de execución civil, ostenta a competencia exclusiva en causas por accidentes laborais e tamén asume a tramitación e resolución das incapacitacións e expedientes de xurisdicción voluntaria derivados das mesmas, así como internamentos non voluntarios ou tutelas.

Desde hai máis dunha década, resaltaban os funcionarios, aumentan cada ano por centos as causas rexistradas, nun órgano xudicial que asume asuntos de tres das catro principais vilas da comarca; Viveiro, Burela e Foz.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here