Un ribadense denuncia ao Sergas tras dous anos sen unha proba de esforzo

É a primera vez que un usuario acode aos xulgados, segundo a plataforma sanitaria mariñá

O paciente, logo de presentar a denuncia no xulgado. ARQUIVO XORNAL DE GALICIA

Despois de dous anos de espera para facer unha proba de esforzo, un paciente de Ribadeo, F. J. C. D., presentou unha denuncia no xulgado de Mondoñedo contra o Servizo Galego de Saúde (Sergas). É a primeira vez que un doente utiliza a vía xudicial para reclamar unha mellor atención sanitaria desde que a Plataforma en Defensa da Sanidade da Mariña comezou a súa actividade.

A proba de esforzo que precisa o denunciante ten que ver cun problema de corazón. Segundo explica a plataforma nun comunicado, o doente ten colocado un stent -un pequeño tubo para ensanchar vasos sanguíneos estreitos ou bloqueados- na arteria coronaria dereita desde o ano 2006 e este tratamento require de controis anuais. O último exame feito polo paciente data de 2015, de xeito que leva dous anos sen realizar as probas necesarias.

o doente di que lle cambiaron a dose dalgunhas menciñas sen probas e sen comunicarllo

O denunciante asegura que acudiu en numerosas ocasións a Atención Ao Paciente, sen recibir resposta. O pasado 19 de abril, coa axuda da plataforma sanitaria mariñá, presentou unha reclamación, con número de entrada 1887. O detonante da denuncia foi que, logo de acudir á farmacia para recoller a medicación que toma desde hai once anos, atopouse “coa sorpresa de que modificaran a dose dalgunhas destas menciñas sen previo aviso e sen que ninguén me informara nin fora visto por médico algún. Cando lle preguntei á miña médica de familia, díxome que ela recibira ordes escritas de tal cambio”, explica o doente.

PODE “SENTAR PRECEDENTE”

Así, o doente presentou un escrito de denuncia no Xulgado de Mondoñedo o 11 de maio do 2018. Para Montse Porteiro, portavoz da plataforma sanitaria da comarca, esta primeira denuncia “pode sentar un precedente e facer perder o medo a outras persoas que reciben unha atención sanitaria insuficiente no Hospital da Costa. Os recortes que estamos a vivir poden custar vidas, así que esiximos ao Sergas e á Xerencia que se deixen de propagandas ambiguas”, sostén.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here