Iniciosociedade"As pacientes de cancro de mama afrontan cambios na imaxe, na sexualidade...

“As pacientes de cancro de mama afrontan cambios na imaxe, na sexualidade ou nos roles laboral e familiar”

A Asociación Española contra o Cancro conta desde marzo cun punto de atención en Burela no que ofrece acompañamento psicolóxico ás persoas afectadas por esta enfermidade

Publicada o

- Advertisement -

Os diagnósticos de cancro de mama incrementáronse un 30 por cento entre 2012 e 2018. No entanto, os avances na detección precoz e no tratamento converteron este tipo de cancro –o de maior incidencia entre as mulleres- no de mellor prognóstico. O 90 por cento das pacientes continúan libres da enfermidade cinco anos despois de seren diagnosticadas e tratadas.

Estes son os datos que primeiro nos pon sobre a mesa Carmen Rubiños, psicooncóloga da Asociación Española contra o Cancro (AECC) que desde o pasado marzo conta cun punto de atención para a comarca da Mariña en Burela, polo que pasaron unhas 70 persoas.

COLOQUIOS

Este venres, Día Mundial contra o Cancro de Mama, a experta falará do impacto psicolóxico desta enfermidade en dous coloquios organizados en Lourenzá (Centro Social Torreón dos Frades, 16.00 horas) e Cervo (Casa da Cultura, 18.00 horas).

AFRONTAMENTO ACTIVO

A atención psicolóxica é un dos servizos que a AECC ofrece en Burela, ademais da orientación ante a enfermidade ou o préstamo de materiais ortoprotésicos como perrucas. O obxectivo das intervencións é “facer máis fácil vivencia da enfermidade por parte das pacientes”, explica Rubiños.

CAMBIOS DE ROL NO TRABALLO OU NA CASA

A especialista incide na transcendencia dos cambios que afrontan, desde os relacionados coa imaxe corporal ata os relativos ao cambios de roles no ámbito familiar, laboral ou social. “Está demostrado que canto máis coñecemos e máis participamos do proceso da enfermidade, mellor nos adaptamos a todos estes cambios”, engade a psicóloga.

IMAXE, SEXUALIDADE

“Ante un cancro, a prioridade é o tratamento, poñerse ben, pero nas consultas psicolóxicas saen tamén estas preocupacións, que non sempre son capaces de expresar noutros ámbitos”, apunta a psicóloga. Os cambios relacionados coa imaxe corporal ou coa sexualidade é dos que máis custa sacar e, sen embargo, sinala, “é unha preocupación importante”.

“Tras o diagnóstico, todo vai bastante á presa e quizais non lles dá tempo a pensar no que lles está pasando. É durante o tratamento cando toman máis consciencia e, ás veces, se derruban”, comenta.

ANSIEDADE TRALA CURA

No entanto, a necesidade de acompañamento psicolóxico prolóngase máis aló, cando a enfermidade está curada ou controlada, e aparece “o sentimento de ansiedade ante as revisións”.

O apoio social e as condicións económicas inciden na evolución da enfermidade a nivel psicolóxico

As situacións que nos atopamos son moi diversas en función dos recursos persoais, do apoio social ou mesmo das condicións económicas de cada paciente. “Estimamos que unha enfermidade como o cancro de mama, conleva para as pacientes un gasto duns 150 euros mensuais, unha cantidade importantísima para moitas economías familiares”, advirte. “Hai persoas que viven soas e teñen dificultades para desprazarse a levar os tratamentos que precisan. Todas esas circunstancias afectan a evolución da enfermidade a nivel psicolóxico”

PREVENCIÓN

A psicóloga insiste tamén en falar de prevención e detección precoz. “A pesar de que existen moitas campañas e información, seguímonos esquecendo da autoexploración mamaria, que é fundamental para atallar a enfermidade a tempo“, recalca.

“Desafortunadamente, aínda atopamos situacións nas que a enfermidade non se supera por esa falla de coñecemento”, expón.

“esquecemos a autoexploración mamaria, vital para atallar a enfermidade”, resalta a psicóloga da agrupación

As campañas informativas e as accións que desenvolven asociacións civís e institucións con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama inciden nese chamamento necesario malia crecente visibilidade da enfermidade, coas lazadas rosas como icona.

“Creo que todo este movemento ten que ver coa gran incidencia do cancro de mama pero tamén coa alta participación que as mulleres teñen neste tipo de iniciativas”, comenta Rubiños.

ACTOS NO DÍA MUNDIAL

Ademais dos coloquios sobre o impacto psicolóxico do cancro de mama, en Lourenzá, a axenda do venres inclúe unha andaina popular polas rúas de Vilanova e unha merenda.

En Cervo, a camiñada sairá o domingo ás 17.30 horas desde o peirao e concluirá cunha clase de zumba aberta na casa do mar.

lourenzá, viveiro, cervo, foz ou burela celebrarán actos para concienciar sobre a doenza

En Foz, a xunta Local convocou unha concentración diante do casa do concello para o venres ás 12.00 horas.

Cartel dos actos en Cervo. AXM

Tamén está prevista unha cea solidaria para o día 27, no Leytón, na que a recadación -cinco euros dos 30 que custa para cada comensal- beneficiará á asociación contra o cancro.

En Burela haberá unha concentración o venres na Praza da Mariña. A organización pide que os asistentes leven unha camiseta branca. Foto Sergio quitará fotografías aos asistentes.

En Viveiro tamén haberá unha cea solidaria e este venres celebraranse actos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...