Viveiro sae da alerta vermella e Burela baixa ao nivel amarelo

O concello viveirense acumula 53 casos, pero nos últimos días descendeu o número de positivos novos; o goberno de Burela avanzou que pedirá levantar as restriccións de manterse a evolución


A evolución da pandemia do coronavirus na comarca da Mariña mellorou sustancialmente nas últimas horas e os dous municipios que nestes momentos permanecen pechados perimetralmente, como son Viveiro e Burela, baixaron do nivel vermello de alerta ao descender o número de contaxios.

Viveiro baixou desde onte ao nivel de alerta laranxa, aínda que se manteñen as restricións decretadas pola Xunta de Galicia, de modo que non se pode entrar ou saír do municipio -salvo por causas debidamente xustificadas-, a hostelería permanece pechada e non se permiten reunións de persoas que non sexan convivintes.

En idéntica situación, en canto ás restriccións, atópase o municipio de Burela, onde “a responsabilidade social”, segundo o seu alcalde, Alfredo Llano, está contribuíndo a cortar as cadeas de contaxios, ata o punto de que o municipio baixou en só uns días do nivel vermello de alerta ao amarelo. O rexedor adiantou que de non haber retrocesos na evolución epidemiolóxica pedirá esta semana que se levanten as restricións á mobilidade e á hostalería, dado que o comité clínico reúnese de novo o vindeiro venres.

CERVO SEGUE EN NIVEL LARANXA; FOZ E O VALADOURO, NO DE MENOR INTENSIDADE DE ALERTA

O goberno municipal de Viveiro concretou que “hai a día de hoxe 53 casos activos de coronavirus, segundo nos comunican da xerencia da área sanitaria”. Con todo, nos últimos sete días -o prazo segundo o que se elabora o mapa da situación epidemiolóxica- detectáronse no municipio entre 14 e 21 positivos, polo que a alerta reláxase ao nivel laranxa. Nesa mesma situación, con cifras similares, está o concello de Cervo.

Onte non se rexistrou ningún caso positivo e a evolución está sendo boa, por que hai xornadas que se detectan só un ou dous casos, ou algún día ningún. Durante a última semana non se pasou de 20 positivos, como pasou a anterior”, concreta o executivo municipal viveirense, que engade que, “á marxe das probas que se realizan nas residencias de maiores ou nos centros educativos, Sanidade realiza unhas 120 PCR diarias en Viveiro, detectando nas últimas xornadas una redución significativa dos positivos”.

BAIXA O TOTAL DE CASOS ACTIVOS NA PROVINCIA, AÍNDA QUE SE CONFIRMAN 65 POSITIVOS NOVOS

Respecto a Burela, no municipio confirmáronse entre 7 e 14 contaxios no mesmo prazo, o da última semana; a situación é similar no Valadouro e Foz, os tres concellos con alerta de nivel 1 ou amarelo, a de menor grao de intensidade. En situación epidemiolóxica considerada normal ou fóra de perigo están o resto dos termos municipais da Mariña.

No tocante aos datos provinciais, o número de casos activos de Covid-19 baixa a 1.064, 65 menos ca onte, segundo o reconto ofrecido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nas últimas 24 horas confirmáronse 65 positivos novos.

O HOSPITAL DA MARIÑA ATENDE 13 INGRESADOS, DOUS MENOS

Dos 1.064 lucenses contaxiados, 58 están hospitalizados. O Hospital Público da Mariña atende 13 pacientes infectados, dous menos ca na anterior actualización; o HULA coida de 38 doentes con Covid-19, entre eles os tres da área sanitaria que requiren de coidados intensivos; o centro hospitalario de Monforte ten sete ingresados.

No histórico da pandemia documéntanse 108 falecementos, con 3.963 altas e 5.135 casos acumulados. Fixéronse un total de 88.960 PCR, o que implica que nas últimas 24 horas efectuáronse 884 probas.

1.039 FALECEMENTOS EN GALICIA

Os contaxios de Covid-19 volveron a incrementarse tras outros 523 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas en Galicia, mentres os casos activos seguen en descenso na Comunidade galega e sitúanse en 9.554, o que supón 315 menos. Con todo,tamén os datos de PCR reflicten un descenso cuantitativo. Na xornada de onte foron realizadas un total de 8.128.

A Comunidade galega suma 43.575 contaxiados desde o inicio da pandemia pola Covid-19 e 1.039 persoas falecidas, tras as 15 vítimas mortais notificadas por Sanidade na tarde deste mércores, delas media ducia vinculadas a residencias. Le a información completa no Galicia Confidencial.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here