A hostalería de Viveiro, pechada pola pandemia, expón ao BNG as súas dificultades e demandas

A concelleira nacionalista, Míriam Bermúdez, denuncia o "maltrato" ao que está sometido o sector: "non se pode obrigalo a non ter ingresos mentres seguen chegando recibos"

Video-conversa do BNG e a hostalería de Viveiro. AXM

O sector da hostalaría de Viveiro, que permanece pechada alomenos ata o vindeiro martes por mor das restricións adoptadas pola Xunta de Galicia en 60 municipios galegos, participou este pasado 13 de novembro nunha video-conversa organizada pola concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, onde os empresarios deron a coñecer en primeira persoa a fonda crise que está a atravesar o sector debido á Covid-19 e as medidas tomadas polas Administracións para paliar a pandemia.

A edil do Bloque viveirense conversou cos seguintes empresarios e autónomos do sector hostaleiro: Alejandro Balseiro, de Hotel Urban; Alejandro Otero, barista profesional de Cafés Candelas; Ana Belén Pérez, de Mesón K2; Domingo González, de Temple Bar; José Manuel Vázquez (Leman), de Galipizza e Dékada; Jose Rodríguez, da Cervexaría Abadía; Luis López, de La Plata Café; Mirsa Segura, de Café Bar Nordés; e Víctor Valenzuela de Restaurante O Muro.

1.500 AUTÓNOMOS CESARON ACTIVIDADE EN GALICIA, EXPÓN O DEPUTADO AUTONÓMICO DANIEL CASTRO

Tamén participou na conversa o deputado autonómico mariñao do BNG Daniel Castro, que quixo estar presente para escoitar as demandas da hostalaría de Viveiro e artellar solucións para levar á Cámara galega como representante da segunda forza do Parlamento Galego. “Desgrazadamente, o impacto que tivo a Covid-19 foi moito maior en Galicia que no resto do Estado; desde setembro de 2019 até setembro de 2020 hai concretamente 1.500 autónomos menos, que tiveron que pechar“, destacou o deputado, quen asegurou “que se pode actuar, só se necesita de vontade política”. Castro destacou unha iniciativa da formación nacionalista para un plan de rescate integral do sector, con 30 millóns en axudas directas a partir do fondo Covid-19 da Unión Europea, máis do dobre do comprometido pola Xunta.

OS EMPRESARIOS RECLAMAN AXUDAS DIRECTAS URXENTES E QUE SE LLES ALIVIEN IMPOSTOS NO 2021

Bermúdez asegura que este sector está a ser “maltratado“, polo que era de xustiza organizar esta video-conversa para visualizar a situación na que se atopan tantas familias, cun presente e futuro incerto, ao cal “non se pode obrigarlles a que baixen a verxa e que non teñan ingresos mentres lles continuan chegando os recibos“. “Queríamos escoitar as posíbeis iniciativas que podiamos desenvolver a nivel local no Concello e autonómico no Parlamento Galego, para mellorar a situación deste sector que abrangue a moitos máis que non se teñen en conta como distribuidores e produtores“.

Pola banda dos autónomos e empresarios, segundo concretou Bermúdez, reclamáronse axudas directas de forma inmediata por parte das Administracións; estudar a posibilidade de non ter que devolver o diñeiro investido neste sector, como ocorreu con “grandes empresas” que recibiron incentivos públicos; manter a exención de impostos a nivel municipal (lixo, terrazas) no 2021 mentres non se poida levar a cabo a actividade; maior transparencia e anticipación nas medidas adoptadas, para poder calcular o stock de mercadorías.

VEN NECESARIO “REIVENTARSE”, O QUE REQUIRE “INVESTIMENTOS” QUE NON SE PODEN PERMITIR

Ademais, “lembran que a hostalaría é o último eslabón dunha cadea que afecta a numerosas empresas e particulares produtores. Hai moitos sectores que se ven afectados se non hai actividade hostaleira. Xera moita preocupación a situación dos empregados que traballan nos distintos establecementos da nosa localidade. Manteñen que os ERTEs son un arma de doble filo porque vía declaración da renda, débese devolver parte dese importe. Consideran tamén que os tempos mudan e con eles as necesidades e demandas da clientela. Non se pode facer frente a esas nova situación sen ‘reiventarse‘ pero para eso necesítase realizar investimentos económicos que neste momento non se poden permitir”, resume Bermúdez.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here