O Concello de Mondoñedo levará o mércores a pleno uns orzamentos “de marcado carácter social”

As contas municipais para 2021 ascenden a case 3,9 millóns, dos que Benestar Comunitario e Servizos Sociais e Promoción Social acumulan máis de 1,5

Corporación mindoniense. AXM

O pleno da corporación municipal de Mondoñedo aprobará o próximo mércores o orzamento municipal para 2021, por importe de 3.828.387,86 euros, segundo anunciou o goberno local a través dun comunicado. A comisión de Contas informou favorablemente o proxecto orzamentario na reunión que mantivo o pasado venres. O proxecto orzamentario “recolle as propostas feitas ao Concello desde as distintas plataformas de participación cidadá“, remarca o executivo mindoniense.

Por políticas de gasto, o resumo do proxecto orzamentario é o seguinte: Seguridade e Mobilidade Cidadá, 239.006; Vivenda e Urbanismo, 141.344; Benestar Comunitario, 774.465; Medio Ambiente, 84.586 euros; Servizos Sociais e Promoción Social, 771.174; Fomento do Emprego, 45.906; Educación, 223.744 euros; Cultura, 489.941 euros; Deporte, 121.955; Industria e Enerxía, 8.000; Comercio, Turismo, Pequenas e Medianas Empresas, 70.500 euros; Infraestruturas, 285.428; Órganos de Goberno, 78.573 euros; Servizos de Carácter Xeral, 376.895; Administración Financeira e Tributaria, 112.065 euros; Transferencias a outras Administracións Públicas, 4.800 euros.

“NON SE INCLÚEN ACHEGAS NON CONFIRMADAS DOUTRAS ADMINISTRACIÓNS”, RESALTA O GOBERNO MINDONIENSE

O goberno municipal destaca que presenta “o proxecto orzamentario para a súa aprobación en tempo e forma. É unha manifestación máis, e das máis relevantes, da decisión do equipo de goberno de impulsar unha administración ordenada e eficiente”, argumenta.

O orzamento que se someterá a debate é, en opinión do goberno local, “prudente e realista, no que non se inclúen achegas non confirmadas doutras Administracións, é dicir, non se inclúen proxectos que non estean plenamente confirmados”.

O proxecto orzamentario, remarca o Concello, “ten un moi marcado carácter social, de maneira que as dúas principais partidas son as de Benestar Comunitario e Servizos Sociais e Promoción Social”.

PLAN ÚNICO E ÁREA REXURBE

“Desde o punto de vista dos ingresos por impostos e taxas, queda clara a vontade do goberno local de facilitar a recuperación dos sectores máis afectados pola crise provocada pola pandemia como é o caso da hostalería. Así mantense a conxelación das taxas, por exemplo no caso das aplicables as terrazas“, expón o goberno, que destaca que “neste orzamento desaparece o imposto de plusvalía“, unha demanda da oposición mindoniense.

“Un dato relevante neste proxecto orzamentario é que reflexa a aposta do Concello por todo o que ten que ver coa cultura e o turismo, como fonte de riqueza para o municipio”, salienta o Concello.

“Por outro lado e ao marxe do proxecto orzamentario, o goberno local destaca que a aportación que lle corresponda ao Concello dentro do Plan Único da Deputación destinarase á zona rural. Igualmente, pon de manifesto que a execución do plan de dinamización da Área Rexurbe mobilizará ao redor de catro millóns entre fondos públicos e privados”, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here