Viveiro anuncia inspeccións en propiedades do casco tras detectar problemas de limpeza e mantemento

O Concello expón que atopou solares e edificios con "vexetación, depósitos de lixo e canlóns rotos" e dá un mes de prazo aos donos para que cumpran coas obrigas do PEPRI

Casco histórico de Viveiro (foto de arquivo). VIVEIRO TURISMO

O Concello de Viveiro solicitou a través dun comunicado de prensa aos propietarios de solares, edificacións e outras construcións no casco antigo do municipio que cumpran “coas súas obrigas de limpeza, mantemento e reparación, para acadar as condicións de seguridade, salubridade e ornato público”.

Dende o goberno local “detectáronse diversos problemas en solares e edificacións do casco histórico de Viveiro, que presentan abundante vexetación, depósitos de residuos e lixo, rotura de canlóns e mal estado dos baixos con pinturas e carpinterías descoidadas.

Este descoido no mantemento das edificacións “ten consecuencias negativas diminuíndo a salubridade, prexudicando o medio ambiente e alterando o ornamento público”, afirman desde o executivo municipal.

Nun bando da alcaldía concrétase “a obriga de realizar a limpeza de cubertas, canlóns e vexetación, a retirada de elementos que poden ser susceptibles de caída á vía pública, así como o peche de ocos de fachada sen carpintería”, indica o Concello.

RÓTULOS E PUBLICIDADE DE ANTIGOS NEGOCIOS

Ademais, “lémbrase que tamén se deben eliminar rótulos, así como a publicidade relativa a locais comerciais que actualmente non teñan uso. Por último, ínstase a proceder á limpeza de canalóns e baixantes en mal estado, ó pintado de fachadas de baixos comerciais e á limpeza de plantas baixas de inmobles”, conclúe.

O concello de Viveiro recorda tamén que no Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Antigo (PEPRI) de Viveiro se recolle o deber dos propietarios de manter os terreos e construcións en condicións de seguridade, salubridade e ornato público, “estando suxeitos tamén ao cumprimento das normas sobre protección ambiental, patrimonial e arqueolóxica contidas no mesmo plan”.

O goberno local establece un prazo máximo dun mes dende a publicación do bando, o mércores 18 de novembro, para que os donos executen estas actuacións de acondicionamento. O Concello avanza que “se realizarán inspeccións nos edificios do casco histórico para detectar posibles incumprimentos das obrigas dos propietarios, co obxectivo de garantir a salubridade, seguridade e ornato nesta zona do municipio”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here