A Xunta mantén as restricións en Viveiro e Burela, onde os tres partidos reclaman “medidas alternativas”

Os voceiros de PSOE, PP e BNG no municipio burelao asinan un escrito no que piden a Sanidade medidas alternativas, máis rastrexadores e máis axilidade nas probas PCR

Vía principal de Burela, nunha imaxe do pasado mes de xullo, durante o anterior peche. EFE/ELISEO TRIGO

Ramón González Rey/EFE. A reunión do comité clínico da Xunta de Galicia deixou como únicas novidades o endurecemento das restricións nos municipios de Vilalba, onde se localizou un gromo no xeriátrico con 132 contaxiados, e A Laracha, e a relaxación nas mesmas no Carballiño, que permanecía pechado desde principios de outubro. Non haberá así cambios, alomenos ata o próximo martes, data de nova reunión, en Viveiro e Burela, que permanecerán confinados perimetralmente e coa hostalería pechada.

Respecto da situación de municipios como os dous da Mariña -son arredor de 60 en toda Galicia-, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, centrou de novo a atención nos cidadáns e nos Concellos: “se se cumpren as medidas decretadas” polo Executivo galego, “os municipios poderán aliviar paseniñamente as súas restricións”.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, explicou que os tres grupos da corporación –PSOE, PP e BNG– asinaron unha declaración xurada enviada á Xunta de Galicia para instala a que estude reactivar a a actividade socioeconómica do concello, mediante medidas alternativas ás actuais que manteñen pechados os establecementos hostaleiros e as entradas e saídas da vila. No escrito solicitan tamén un reforzo dos rastrexadores e máis axilidade no resultado dos PCR. Foi unha petición da formación conservadora no pleno extraordinario celebrado días atrás.

Llano valorou que hai “unanimidade na análise do problema” por parte dos grupos políticos e lembrou que “temos todos un obxectivo común, que é frear o virus“, pero “tamén queremos que se busquen solucións” para a actividade económica.

DECLARACIÓN XURADA DE PSOE, PP E BNG

Somos conscientes da situación e de que é unha cifra alta pero a idiosincrasia de Burela hai que tela en conta.
Sempre podemos ter barcos con positivos no noso Porto. Tamén sanitarios contaxiados. A Burela entran e saen máis de 1000 persoas cada día por cuestións laborais. Somos unha vila aberta.
E como tal, os tres voceiros dos grupos municipais veñen de asinar esta tarde unha declaración xurada para instar á Xunta a que estude a casuística de Burela e propoña medidas alternativas que permitan a apertura da vila e da actividade económica da hostalería. É preciso acadar un equilibrio.
Sinatura da declaración xurada. CONCELLO DE BURELA
Tamén instamos á Xunta a facer máis probas, máis vixiancia activa, máis análise de PCR na nosa vila. É preciso ter máis rastrexadores. É preciso que o sistema funcione o mellor posible para evitar os confinamentos e os peches. E nós imos estar aquí para traballar como levamos facendo dende Marzo indo da súa man e baixo as súas ordes e as do comité de expertos.
Sabemos que non é doado. Pero precisamos aire. Os veciños e veciñas precisan ser premiados polo bo comportamento da inmensa maioría e non poden sentirse afogados nesta carreira de fondo que nos toca gañar.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here