O Hospital leva con dous cardiólogos desde setembro ao non substituír o Sergas o terceiro especialista

A plataforma denuncia que esta situación provocará "agardas inasumibles" tanto para probas como para consultas e Sanidade asegura que busca substituto, pero non compromete prazos

Hospital Público da Mariña. AXM

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña denunciou que o Hospital da Costa queda sen un dos tres especialistas da área de cardioloxía, despois de que no pasado mes de setembro un dos cardiólogos solicitara unha excedencia, sen que fose substituído polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

“Esta plataforma vén de coñecer e contrastar a ausencia de substitución do facultativo, polo que se constata unha vez máis a sangría de servizos que paulatinamente vén sufrindo este centro desde hai anos, e que se agrava desde eliminación da área sanitaria, como vimos predecindo desde entón”, resalta o colectivo.

Deste xeito, a plataforma prevé que “este novo golpe para a saúde da veciñanza da Mariña provocará agardas inasumibles e vergoñentas para a realización de probas diagnósticas, consultas de revisión imprescindibles e primeiras citas para diagnosticar, que multiplicarán as que xa había ata agora e que foron denunciadas en numerosas ocasións“.

O voceiro do colectivo, Víctor Vila, apunta que “cada día que pasa a poboación da Mariña vai perdendo servizos esenciais para unha asistencia sanitaria digna e próxima”. Así, apela á xerencia do centro “a que se poña a traballar na dotación axeitada de profesionais e servizos en vez de secundar servilmente as decisións políticas da Xunta de Galicia para darlle o tiro de graza á sanidade pública desta comarca”.

Fontes do Sergas aseguran que están a “realizarse todos os trámites necesarios” para a contratación doutro cardiólogo, polo que a previsión é que o servizo se restableza como anteriormente, aínda que insisten en que “a atención está garantida”, facendo fincapé en que “hai unha grande dificultade para atopar especialistas substitutos”. Deste xeito, non ofrecen unha data de cando se poderá contar co terceiro facultativo.

REUMATOLOXÍA SEGUE POLO DE AGORA FUNCIONANDO UN SÓ DÍA Á SEMANA

As mesmas fontes foron consultadas polo Xornal da Mariña no tocante ao servizo de reumatoloxía, que continúa a funcionar un só día á semana desde o traslado da especialista ao HULA, tal e como denunciara a plataforma.

O Sergas segue coa “previsión” de restablecer o servizo a tempo completo “en decembro“, pero a día 30 de novembro non informa polo de agora da contratación dun especialista para o centro hospitalario de Burela.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here