“As familias vulnerables deben ser amparadas para acudir aos servizos sociais, non é pedir senón xustiza”

O Concello de Barreiros pon en marcha unha carreira solidaria e virtual cuxa recadación irá ao fondo de emerxencia social e que servirá tamén para dinamizar o consumo nos negocios locais

Ana Ermida. AXM

O Concello de Barreiros vén de abrir as inscricións para a carreira solidaria virtual ‘MaisKmsBarreiros‘, que replantexa a habitual cita de Reis para cumprir tres obxectivos: fomentar a práctica do deporte, axudar ás familias máis vulnerables do municipio e dinamizar o consumo no comercio e hostalería locais. A alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, xa ten dorsal.

Como xurde esta iniciativa?

Xurde de conxugar varias cuestións: por unha banda, poder practicar dalgún xeito colectivo, aínda que sexa virtual, a actividade deportiva. Desde o Concello tomamos o ano pasado a iniciativa de organizar a Carreira de Reis que se viña facendo. Esta vez, como non se daban as condicións óptimas, e pensamos que desde as administracións temos que evitar eventos que teñan algún tipo de risco, ideamos esta proba virtual que ten un compoñente comunitario, de reto conxunto.

Por outra banda, a carreira ten esoutra parte solidaria, por dúas razóns. A recadación das inscricións irá destinada ao fondo de emerxencia municipal para facer fronte ás necesidades das familias máis vulnerables nestes momentos. Por outro lado, está ese grao de area que o Concello pode achegar para fomentar o consumo local. Achegaremos 3.000 euros que se converterán en cheques regalo para que ese valor se multiplique coas compras. Á fin, cremos que axudas económicas sen máis nunca son suficientes, nunca chegan a nada, e parécenos que o que precisa o comercio é poder traballar, que haxa vida para poder sobrevivir.

“PENSAMOS QUE OS EVENTOS DEBEN EVITAR O RISCO E ESTE FAINO POÑENDO UN RETO COMUNITARIO”

Ten unha aproximación de cantos cheques-regalo se sortearían?

O cálculo que fixemos, como o reto son 6.000 quilómetros, é que cada quilómetro sexan 50 céntimos. O número de cheques dependerá da distancia percorrida. A contía tamén está por definir está tamén en función do resultado dese reto, pero a aproximación sobre a que traballamos é que poidan ser cheques de entre 30 euros e 50 euros, formados á súa vez por outros de menor importe, por exemplo cinco euros, para quenes desexan consumir en cantidades máis pequenas, sobre todo pensando na hostalería. Se se supera o número de quilómetros establecido, estudarase aumentar a contía. Os establecementos que queiran participar deben poñerse en contacto co Concello.

Todas as persoas que participen entran no sorteo, e cantos máis quilómetros fagan máis papeletas recibirán para o mesmo.

Efectivamente. O premio é ter máis posibilidade de que che toquen os cheques, porque os primeiros reciben máis dorsais.

Poñen facilidades para que os participantes o fagan camiñando, correndo ou en bicicleta.

A carreira está adaptada para todas as persoas que queiran participar, tamén para aquelas que non teñan unha práctica deportiva habitual pero estean interesadas na iniciativa polas outras vertentes mencionadas. Non hai un reto individual, senón que é algo colectivo.

“EMPEZA A HABER MÁIS DEMANDA DE AXUDA POLO IMPACTO DA COVID-19”

Falábame antes desa parte solidaria, coas familias máis vulnerables. En primavera e verán, nunha conversa anterior, dicíame que ata daquela non se notara en exceso o impacto económico da Covid-19, que as verdadeiras dificultades virían a partir do outono e no inverno. Foi así, percibiron un aumento das peticións de axuda?

Empeza a haber máis demanda, sobre todo de familias, e a previsión é que a situación non mellore moito. Xa non é só a vulnerabilidade extrema que sofren determinadas persoas, senón que hai outras que en mellor posición chegan con dificultade a fin de mes. Desde as administracións temos que xogar un papel importante para que esas familias se vexan amparadas e non teñan prexuízo á hora de acudir aos servizos sociais, porque non se trata de pedir axuda, senón de xustiza, as administracións estamos para facilitar a vida das persoas. De momento os Concellos non estamos percibindo un incremento dos ingresos que proveñen doutras administracións e temos que buscarnos a vida para destinar máis fondos a estas cuestións, que son prioritarias nos tempos que corren.

“MÁIS QUE AXUDAS, O COMERCIO E A HOSTALERÍA PIDEN PODER TRABALLAR”

Que lle comentan desde o comercio local e a hostalería?

Temos falado con eles e comentan o que todo o mundo ve: que cada vez o consumo se constrinxe máis, que hai unhas limitacións para traballar importantes, e dinnos que as axudas son ben recibidas sempre, pero o que máis necesitan é poder traballar, dinamización. Non poñemos en tela de xuízo as subvencións directas, pero nós non cremos que sexan os Concellos quen teñen -no noso caso, por exemplo, porque directamente non se pode- facer ese tipo de achegas. Por iso optamos por facer, en verán, actuacións na rúa con todas as medidas de seguridade, e agora vimos de contratar unha técnica de turismo para que elabore un plan de desenvolvemento turístico adaptado ás circunstancias. A nosa tarefa é dinamizar o que é a vida de Barreiros.

Cales serán as liñas mestras dese plan?

Tivemos algunha reunión coa hostalería para coordinalo e os aspectos técnicos serán formulados pola persoa encargada, pero a nosa intención é diversificar a liña turística de Barreiros. As praias xa son coñecidas, porque evidentemente son das mellores de Galicia, pero temos que amosar que o concello dá para máis, que pode ofrecer turismo de natureza, deportivo, de actividade… Hai grandes potencialidades que nos permitirían que a xente poidese non vir á praia a Barreiros senón quedar e consumir aquí.

Para anotarse en ‘MaisKmsBarreiros’, inscriben nesta ligazón.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here