Foz proxecta un auditorio para 900 espectadores na horta do asilo

O Concello acordou coa Fundación Martínez Otero a cesión dun terreo de 2.770 metros cadrados

Horta do asilo, na que o goberno local de Foz pretende ubicar o auditorio. GOOGLE MAPS

O goberno local de Foz informou de que se iniciaron os trámites para a cesión, por parte da Fundación Martínez Otero, da horta do asilo de anciáns. O Concello prevé construír neste terreo de 2.770 metros cadrados un auditorio con capacidade para máis de 900 persoas.

O espazo está ubicado na rúa Cervantes, fronte á escola infantil A Galiña Azul. “Trátase dunha zona ideal, con aparcadoiros cercanos, como os da sala Bahía ou os da Avenida de Viveiro”, asegura o alcalde de Foz, o popular Javier Castiñeira.

CAMBIO DE UBICACIÓN

O rexedor lembra que o Concello “non dispuña de solares” para esta edificación e indica que as negociacións con Porto de Galicia fracasaron.

No 2000, o alcalde socialista José María García Rivera presentou ao ente autonómico unha proposta para ubicar o auditorio na zona portuaria, “pero Portos de Galicia non permite este tipo de construcións” en terreos da súa titularidade, precisou Castiñeira.

ANTEPROXECTO

O primeiro edil sinala que “as primeiras negociacións foron moi positivas e seguiremos avanzando neste documento de cesión” e agradece a “boa vontade” do Patronato, que “permitirá o inicio do expediente da construción dun auditorio no noso concello”.

Plano do terreo. AXM

O principio de acordo permitiu, segundo explica Castiñeira, que o Concello teña “elaborado un anteproxecto da edificación enriba da mesa”. O rexedor avanzou que o auditorio “terá capacidade para albergar a máis de 900 persoas”.

PEDIRÁ FINANCIAMENTO Á XUNTA

Castiñeira adiantou tamén que “iniciaremos a tramitación do financiamento” da construción, que debe custear, segundo o goberno local, “a Xunta de Galicia, como ocorreu en moitos outros concellos. Pediremos colaboración directamente ao presidente”, Alberto Núñez Feijóo, indica o rexedor.

“MOI DEMANDADO” POLAS ASOCIACIÓNS

O alcalde de Foz sinala que se trata “do primeiro paso” para solventar unha deficiencia do municipio. “É unha infraestrutura moi demandada polas asociacións culturais do noso municipio, que non teñen unha instalación que cumpra uns mínimos para todas as actividades que están facendo”.

2 COMMENTS

  1. El alcalde y su entorno se estan encargando de vaciar la fundacion martinez otero. Es una fundacion privada con un patronato manipulado por el alcalde y lady perfumes.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here