Sete novos contaxios de usuarios da residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro da localidade luguesa de Ribadeo elevaron o total de casos en xeriátricos galegos a 138, catro máis que na xornada anterior. Así figura no parte da Consellería de Política Social remitido aos medios este domingo con datos sobre o impacto da pandemia en centros de maiores.
Deste xeito, a administración contabiliza sete novos positivos, todos de usuarios da citada residencia de Ribadeo; así como tres altas rexistradas nos centros San Salvador de Guntín, San Bartolomé de Xove e A Saleta de San Cristovo de Cea.
Estas novidades deixan o cómputo global de casos de covid-19 en xeriátricos nun total de 138. O centro máis afectado é a residencia DomusVi de Vimianzo, que conta con 57 casos activos entre os seus usuarios.
En segundo lugar atópase desde este domingo a residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo, que contabiliza 19 casos. Séguelle a residencia Moledo de Vigo, con 15; e a San Bartolomé de Xove, con 14.
TRABALLADORES CONTAXIADOS
Por outra banda, a cifra de traballadores de xeriátricos contaxiados baixa este domingo a 100, tres menos que o día previo. E é que nas últimas horas producíronse seis altas por tres positivos. Destes últimos, dous corresponden ao Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo e un á residencia 3ª Idade Moledo de Vigo.