“Esperanza” nas residencias da Deputación trala primeira dose da vacina aos 216 maiores e operarios

Este luns subministrouse o antídoto á comunidade do xeriátrico de Trabada, logo de seren vacinados usuarios e traballadores dos centros de Pol, Ribadeo e A Fonsagrada

Vacina a un dos maiores da residencia de Trabada. AXM

A totalidade dos usuarios e usuarias e traballadores e traballadoras dos centros de atención a maiores (CAM) da Deputación de Lugo xa recibiu a primeira dose da vacina fronte á Covid-19. Este luns desenvolveuse a última xornada de vacinación, que tivo lugar na residencia de Trabada, logo de seren vacinados nas anteriores semanas os residentes e o cadro de persoal de Pol, Ribadeo e A Fonsagrada.

Así o expuxo o goberno provincial nun comunicado de prensa, no que asegurou que “en canto á nova residencia de Castroverde, cabe salientar que xa está en funcionamento e que nos vindeiros días entrarán a vivir os usuarios, logo de que decidiran pasar as datas de Nadal xunto ás súas familias. A Deputación de Lugo informará ao Sergas destes ingresos para establecer un novo calendario de vacinación para este centro”, engadiu.

A Deputación de Lugo salienta que a campaña para a subministración desta primeira dose da vacina da Covid-19, que se puxo a 216 usuarios e traballadores, se desenvolveu “con absoluta normalidade, sen incidencias” e con total disposición de colaboración do persoal da institución provincial e do Sergas.

A Deputación salienta que este paso trouxo esperanza ás residencias xa que os usuarios e usuarias “levan moitas meses coas saídas limitadas, vendo pouco aos seus familiares e ver que xa recibiron a primeira dose axúdalles ao seu benestar emocional”. Así mesmo, tamén incide en que isto non pode permitir baixar a garda e que cómpre seguir na mesma liña que a seguida ata o momento.

VÍDEOS INFORMATIVOS

Os días previos ao inicio da campaña, persoal sanitario provincial preparou uns vídeos divulgativos para explicar o proceso e resolver as principais dúbidas que podían xurdir ao respecto. “Proxectáronse nas residencias para que todos os usuarios souberan en que ía consistir, e tamén se lle fixo chegar ás familias, co obxectivo de que teñan a máxima información posible ao respecto”, indica a nota.

VISITAS LIMITADAS

Con respecto ás visitas de familiares, a institución provincial “xa viña restrinxindo as entradas nos centros a unha persoa por usuario á semana antes das novas medidas que marcan as autoridades sanitarias, co obxectivo de minimizar o risco de contaxio e protexer aos maiores”, conclúe a Deputación.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here