Hostaleiros de Ribadeo ofrecen a Feijóo as chaves dos negocios: “coas restricións condénanos ao peche”

Acisa asegura que o peche dos locais de restauración ás seis da tarde "criminaliza" a un sector que "non está a recibir axudas, senón parches"

Hostaleiros e directivos de Acisa no acto reivindicativo. AXM

Hostaleiros de Ribadeo amosaron este mediodía o seu rexeitamento ás novas restricións decretadas pola Xunta de Galicia, que consideran “moi prexudiciais para o sector”. Fixérono acudindo á Casa do Concello, “onde colgamos simbolicamente as chaves dos nosos locais, para que Alberto Núñez Feijóo as recolla”, explican desde Acisa o seu presidente e o vicepresidente, Francisco Iriarte e Roberto Rivas.

Desde Acisa sinalan que “co peche da hostalería ás seis da tarde a maioría dos negocios están condenados ao peche, co que iso suporá para os seus propietarios, os seus traballadores e as súas familias, aos que se unirán as empresas de distribución, os produtores locais… Levamos un ano desastroso, con normativas cambiantes cada pouco tempo, tentando adaptarnos en cada momento e agora impóñense novas restricións. Isto para moitos vai a ser a gota que colme o vaso”, argumentan.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos critica “a criminalización que se está a realizar do noso sector e a falla de axudas directas. Todos son parches e así os negocios non se poden manter”.

Desde Acisa demandan “maiores controis por parte das administracións para que todos os negocios, asociados e non asociados, cumpran coas normas sanitarias en vigor en cada momento e axudas reais”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here