O Concello de Burela prohibe a estancia en parques e prazas de titularidade municipal

Llano lembra que segundo a normativa "está permitido que se circule, pero non se pode parar e manter conversas entre familias"

Consistorio de Burela. AXM

O Concello de Burela publica hoxe un anuncio mediante o que queda prohibida temporalmente a estancia e permanencia de calquera persoa nos parques infantís, parques e prazas de titularidade ou uso municipal. Estará permitida a circulación peonil en tránsito, sempre e cando non se produzan paradas inxustificadas nin agrupacións de persoas non convivintes neses espazos. No anuncio, que está colgado na web municipal, tamén se informa que o mercado semanal seguirá a celebrarse en Torrentes, seguindo a normativa sanitaria en vigor en cada momento. O obxectivo da adopción destas medidas é facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo covid-19.

EVOLUCIÓN POSITIVA NO MUNICIPIO

O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “o que pretendemos con este decreto é lembrar e ser coherentes co que di a normativa. Hai que ter en conta que en Burela, agora mesmo, están baixando os casos, pasamos dos cincuenta e algo e agora estamos en menos de corenta. Cremos que debemos seguir así. Hai que tratar de atallar o antes posible o coronavirus. Hai que rematar coa cadea de contaxios porque xa vemos as consecuencias que está traendo e temos que frealo entre todos”, afirmou.

O rexedor sinalou que “o decreto di claramente que nos lugares públicos, como poden ser unha praza ou un parque, está permitido que se circule, pero non se pode parar e manter conversas entre varias familias. Hai que evitar da maneira máis radical os contaxios. Iso vai entrar en vigor hoxe. Tanto nos parques como nas prazas e nas rúas hai que procurar circular fluidamente. A normativa xa di claramente que só poden ir convivintes, polo tanto creo que queda claro que a nosa intención é acabar cos contaxios”, argumentou.

Llano lembrou que “temos pechado noutras ocasións os parques, pero esperemos que non faga falta facer iso. Colocaremos uns carteis lembrando a normativa para que non haxa a mínima oportunidade de contaxiarse. Espero que se entenda esta normativa que é polo ben de todos, para acabar dunha vez con todo isto e poder normalizar a vida socioeconómica e ter máis seguridade sanitaria. Contamos coa responsabilidade da veciñanza de Burela, que sempre o fixo de marabilla, e con esta nova normativa esperamos que en pouco tempo se vaian aclarando as cousas e facer unha vida normal, que é o que queremos todos”, concluíu.

PECHADO O BARCO MUSEO E TAMÉN AS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

Desde a Concellería de Deportes e de Turismo, Ramiro Fernández Rey, indicou que “está pechado o barco museo Reina del Carmen e tamén as instalacións deportivas municipais, que so poderán ser empregadas polos equipos que teñen permitido competir, seguindo todos os protocolos sanitarios en vigor”, concretou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here