Licitadas por 190.000 euros as obras de ampliación da residencia de Burela

A Xunta atende deste xeito unha reclamación da comunidade do centro de maiores, que recolleu sinaturas para que os usuarios poidesen ter un espazo no que saír ao aire libre

Parque anexo á residencia de Burela. AXM

A Xunta de Galicia licitou as obras de ampliación da zona exterior da residencia de Burela, por unha contía de 190.000 euros. O Goberno autonómico satisfai así unha reclamación da comunidade do centro de maiores, de titularidade autonómica, que recolleu sinaturas para que, dadas as restricións de mobilidade, os usuarios poidesen ter un espazo no que saír ao aire libre.

Nunha roda de prensa previa a unha reunión coa directora deste centro de Burela, Patricia García, a conselleira de Política Social, Fabiola García, resaltou que o Goberno galego aspira a manter unha “comunicación fluída” co mesmo “para saber cales son as necesidades para continuar mellorando a calidade de vida dos residentes”.

Para iso e ante as restriccións de mobilidade aplicadas para conter a pandemia, indicou que se licitou a ampliación da zona exterior do centro co obxectivo de acoutala e que os usuarios dispoñan de “un espazo ao que saír” e no que “tomar o aire día a día”. Deste xeito, realizarase unha restruturación e renovación da carpintería por valor de 190.000 euros.

Ademais, García insistiu en que se terán en conta as demandas trasladadas por residentes e traballadores para levar a cabo as melloras destes centros e puxo en valor as obras executadas pola Xunta nos mesmos a nivel autonómico.

Así mesmo, destacou o traballo desenvolvido desde este centro público lucense e por parte dos seus traballadores durante os “difíciles meses” da pandemia.

Neste sentido, a conselleira de Política Social explicou que a totalidade dos usuarios e profesionais esta residencia de maiores recibiron as dúas doses da vacina e que sete días logo da administración da segunda alcanzaron a inmunidade.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here