A plataforma denuncia a situación “crítica” de Cardioloxía na Mariña, “cun único especialista”

Non se substituíu a dous profesionais, un deles de excedencia desde setembro, e "o único cardiólogo para 70.000 habitantes está a atender soamente urxencias", critica o colectivo

Hospital Público da Mariña. PLATAFORMA

A Plataforma Sanitaria da Mariña denunciou este xoves a “situación caótica” na que se atopa o servizo de cardioloxía do Hospital ao “faltar, desde hai uns quince días polo menos, a segunda das especialistas que forma parte do servizo, e ficar o mesmo cun só profesional. O único cardiólogo que atende nestes momentos unha poboación de setenta mil habitantes está a atender soamente urxencias“, critica o colectivo.

No pasado mes de novembro este colectivo xa denunciara publicamente a falta dun dos tres profesionais que forman o cadro facultativo do servizo, por mor dunha excedencia, “quedando a comarca moi deficitaria nesta prestación, básica e cunha alta incidencia e prevalencia, tanto de patoloxía que require seguimento, coma de eventos urxentes que fan perigar a vida das persoas”.

No día de onte, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) recoñecía ao Xornal da Mariña que por agora, cinco meses despois, non se substituíu ao cardiólogo en excedencia, atribuíndo a situación á “escaseza” de profesionais, pero a plataforma sanitaria expón que tampouco se está a cubrir ao segundo especialista.

Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña esixen á xerencia “que se repoña e restableza o servizo de cardioloxía, polo menos ao seu nivel previo a setembro de 2020, un nivel que xa era precario e que xa foi denunciado aos medios, máis “nestes momentos a situación é crítica e precisa que se tomen medidas urxentes sen máis dilación”, denuncia a coordinadora da plataforma, Montse Porteiro.

“NON ESTÁN A VIR TRABALLAR ESPECIALISTAS DO HULA Á MARIÑA”, DENUNCIA O COLECTIVO

“Lembrámoslle ao Sergas e ao goberno da Xunta que situacións coma esta veñen  facéndose públicas desde hai anos, e mesmo queremos destacar a cantidade de falacias que obtivemos por respostas, chegando a declarar que en caso de ser necesario virían especialistas do HULA a traballar ao hospital da Mariña. Nada máis lonxe da realidade, cando comprobamos que están a deixar un deserto un servizo esencial e prioritario, mesmo sabendo que no HULA hai máis de vinte profesionais”, conclúen.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here