Cambios no tráfico en Burela para acoller a vacinación dos maiores de 80 anos, desde o luns

Pecharase unha parte de Eijo Garay para que as persoas con problemas de mobilidade poidan saír do coche á entrada do centro de saúde

Rúa Eijo Garay, que dá acceso ao centro de saúde de Burela. GOOGLE MAPS

A Policía Local regulará o tráfico en Burela a partires do vindeiro luns, 22 de febreiro, nas inmediacións do centro de saúde para facilitar o acceso dos maiores de 80 anos que acudan a vacinarse contra a covid-19. As persoas que teñan máis problemas de mobilidade poderán chegar en coche ata as portas da instalación a través da Praza do Concello, segundo anunciou esta mañá o alcalde burelao, Alfredo Llano.

O rexedor dixo que “se vai iniciar a vacinación para as persoas maiores de 80 anos este vindeiro luns en Burela e o Concello, que tamén está facilitando o labor para facer as probas PCR, actuará da mesma maneira coa vacinación. Entón a partir do luns ás 9 da mañá, cando comezarán as vacinacións da xente que está convocada para ese día, imos organizar o tráfico de vehículos para que as persoas que vaian vacinarse entren pola Praza do Concello para dirixirse ao centro de atención primaria. Indicaráselles perfectamente onde teñen que aparcar”, expuxo.

ACUDIRÁN VECIÑOS DE BOA PARTE DA COMARCA

Ao centro de saúde burelao acudirán a vacinarse veciños doutros concellos mariñaos próximos.

Llano explicou que “isto facémolo para que haxa organización e fluidez para levar a cabo este labor. Vaise pechar unha parte da rúa Eijo Garay para facilitar o acceso dos coches que traian persoas que veñan vacinarse. Para iso haberá na zona axentes da Policía Local informando e dirixindo o tráfico para que accedan ao centro de saúde, onde serán vacinados. Anunciámolo xa para que ninguén se sorprenda de que a partir do luns haberá esta actuación no tráfico”, sinalou.

O alcalde engadiu: “estivemos falando cos responsables de Atención Primaria desta campaña, que vai durar un mes e medio como mínimo a vacinación das persoas maiores de 80 anos. Por tanto hai que ter paciencia e esperemos que a todos nos toque ir vacinarnos”, finalizou Llano.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here