Guía para non perderse coa desescalada

Cando entra en vigor? En que nivel está o meu concello? Podo reunirme con non conviventes? Mantense o toque de queda? Respondemos a dúbidas frecuentes

Unha muller con máscara nun local de hostalería de Burela. EFE/ELISEO TRIGO

O goberno galego anunciou esta mañá un avance na desescalada das restricións contra o coronavirus. As medidas —que afectan á hostalaría, peches perimetrais e reunións de non conviventes— non son homoxéneas para toda Galicia, senón que hai tres niveis distintos en función da situación epidemiolóxica de cada concello. Velaquí unha guía para non te perder na normativa que afecta á provincia de Lugo.

CANDO ENTRA EN VIGOR?

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, precisou que estas medidas estarán vixentes dende o venres 26 de febreiro, previa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

EN QUE NIVEL ESTÁ O MEU CONCELLO?

O comité clínico estableceu tres niveis de restricións para os concellos en función do número de positivos novos nas últimas dúas semanas. Segundo se pode extraer dos datos ofrecidos pola Xunta, os municipios de Lugo quedarían así a día de hoxe (luns, 22 de febreiro):

  • NIVEL 1 (>500 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días): O Corgo, Guitiriz e A Pontenova. 
  • NIVEL 2 (entre 250 e 500 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días): Outeiro de Rei, Guntín, Baralla, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Taboada e Sober.
  • NIVEL 3 (menos de 250 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días): o resto de concellos da provincia, incluído Lugo capital.

E SE O MEU CONCELLO MELLORA NOS VINDEIROS DÍAS?

Feijóo deixou a porta aberta a posibles cambios na listaxe de municipios de cada nivel se se producen modificacións sustanciais na súa situación epidemiolóxica. Isto é, se baixa a incidencia a 14 días nun concello de nivel 1, podería pasar a nivel 2. Do mesmo xeito, se nun concello do nivel 3 aparecen moitos casos e aumenta a incidencia, podería subir de nivel e endurecerse as súas restricións.

A próxima reunión do comité clínico será o vindeiro martes 2 de marzo, así que será daquela cando se analice a evolución.

VIVO NO CORGO / GUITIRIZ / A PONTENOVA: QUE PODO FACER?

Se es veciño dalgún destes tres municipios que se atopan en nivel máximo de restricións, as medidas que rexerán serán as mesmas ca ata o momento: a hostalaría non poderá abrir, non se permiten as reunións entre non conviventes nin os desprazamentos a outros concellos salvo causa xustificada.

ONDE ABRE A HOSTALARÍA? CAFÉ EN TERRAZA OU INTERIOR?

Segundo o acordado na reunión do comité clínico, arrinca unha apertura gradual do sector hostaleiro naqueles concellos de nivel 2 e nivel 3, aínda que con limitacións.

  • Nos concellos de nivel 2, a hostalaría só poderá abrir as terrazas ao 50% da súa ocupación e ata as 18:00 horas.
  • Nos concellos de nivel 3, poderase servir no exterior nesas mesmas condicións e, a maiores, permítese o consumo no interior dos locais ao 30% da súa ocupación. Non se poderá consumir en barra e a hora máxima de peche será ás 18:00 horas.

A QUE CONCELLOS DA PROVINCIA PODO IR?

Se vives nun dos tres municipios que se atopan no nivel 1 (O Corgo, Guitiriz e A Pontenova) non poderás saír do teu concello agás que teñas un motivo xustificado. No resto da provincia, a mobilidade estará restrinxida a desprazamentos entre concellos do mesmo nivel; é dicir, coa mesma situación epidemiolóxica.

Isto significa que un veciño de Baralla (nivel 2), por exemplo, podería ir tomar algo a unha terraza de Guntín, pero non a unha de Láncara (nivel 3). Do mesmo xeito, un cidadán de Chantada (nivel 3) podería desprazarse a calquera outro municipio dese mesmo nivel, pero non doutro diferente.

PODO IR A OUTRA PROVINCIA?

Depende de onde vivas ti e de a onde te queiras desprazar. Se o teu concello non está en nivel 1, terás permitido a mobilidade a calquera municipio do mesmo nivel ou situación epidemiolóxica sempre que pertenza á área de Lugo, Santiago, Vigo ou Ourense.

As áreas da Coruña, Ferrol e Pontevedra están pechadas ao exterior, así que de momento non sería posible, por exemplo, desprazarse dende Lugo a unha segunda residencia en Vilagarcía de Arousa a pesar de que estea no mesmo nivel de restricións.

PODO REUNIRME CON NON CONVIVENTES?

A menos que residas nun concello do nivel 1, si. O máximo de persoas permitidas é de catro, sempre coa máscara obrigatoria.

SEGUE HABENDO TOQUE DE QUEDA?

Si, o toque de recollida mantense entre as 22:00 e as 06:00 horas.

COMO PODO SEGUIR A EVOLUCIÓN DO MEU CONCELLO?

A Xunta de Galicia ten habilitada unha páxina web na que actualiza os datos do coronavirus unha vez ao día. Nela podes consultar o número de casos activos, novos casos diagnosticados, ocupación hospitalaria ou cifra de falecidos para o ámbito autonómico e provincial. Tamén recolle un mapa que indica a incidencia por municipios nos últimos 14 días, aínda que non de maneira moi detallada.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here