Os concellos da Mariña queren mancomunar a recollida de lixo

A Mancomunidade pedirá unha subvención á Xunta para un plan de viabilidade a fin de asociar o servizo, especialmente no tocante á fracción orgánica

Contedores en Ribadeo. AXM

O alcalde de Foz e presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, concretou este mércores que no pleno do pasado martes do organismo supramunicipal aprobouse por unanimidade, co voto favorable de todos os asistentes, solicitar neste ano unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia para a realización dun estudo de viabilidade a fin de mancomunar o servizo de recollida do lixo na comarca, especialmente da fracción orgánica.

Cajoto lembrou no tocante á fracción orgánica que “vai ser obrigatoria en breve para recollela os Concellos, ou ben xestionala a través de composteiros, individuais ou comunitarios”, aínda que matizou que o plan, “moi interesante”, non abordará “unicamente estes residuos, senón a viabilidade económica e técnica de mancomunar todo o servizo de recollida de lixo”.

“Hai que recordar que o aceite usado, tamén o téxtil desbotado é xestionado xa desde a propia mancomunidade”, lembrou Cajoto, “pero falta esa análise comarcal sobre os distintos residuos de lixo. Queremos facelo”, engadiu.

Cajoto, explicou que “un dos obxectivos principais do estudo é potenciar a xestión ou recollida en orixe da fracción orgánica dos residuos municipais, un produto que se pode revalorizar como un fertilizante moi útil, reducindo a cantidade de lixo –e por tanto a factura- que se envía á planta de tratamento de Sogama. O estudo ademais analizará unha xestión conxunta das outras fraccións de lixo para todos os concellos, dado que se estima que actuando a escala da Mancomunidade se consigan vantaxes económicas e un aumento da difusión da reciclaxe ao abarcar a unha poboación máis ampla que a propia de cada concello”, remarcou.

O COLECTIVO DE MUNICIPIOS MARIÑAO OPTARÁ DE NOVO ÁS AXUDAS PARA UN PLAN DE SOSTIBILIDADE TURÍSTICA

Outro dos temas do pleno foi a presentación dun proxecto a unha nova convocatoria do Plan de Sostibilidade Turística. Cajoto lembrou que o ano pasado, foi finalmente concedido á Ribeira Sacra e a Santiago de Compostela “malia que fixemos un estudo serio e tecnicamente moi bo”.

Esta situación xerou polémica entre o PSdeG – PSOE e o Partido Popular, dado que os conservadores acusaron ao presidente da mancomunidade de “non levar a cabo as xestións adecuadas” perante o Estado, mentres que Cajoto lembrou que é a Xunta de Galicia, que gobernan os populares, quen propón as catro candidaturas anuais en orde de preferencia, quedando a da Mariña “relegada á última praza”. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, comprometera publicamente o seu apoio tralo brote de coronavirus de xullo a un plan que podería captar arredor de tres millóns de euros de subvención.

A intención é que esta situación non se repita. “Volveremos optar a estas axudas, mellorando o plan, e quero agradecer ao alcalde de Xove e voceiro do PP (Demetrio Salgueiro), é que se comprometeu a impulsar o apoio da Xunta de Galicia a este plan. Nós faremos o mesmo co Goberno do Estado, dado que estes plans apróbanse a partir das dúas Administracións”, concretou.

A subvención “viría moi ben para o sector do turismo que padeceu o embate do brote que lembramos todos”, finalizou Cajoto, agradecendo o “bo tono e a cordialidade” no pleno, que serviu para afianzar a necesidade de “traballar conxuntamente” en “temas importantes para a comarca”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here