Viveiro aclara a quenes recibiron unha notificación do Catastro que non se tramitan novas expropiacións

Tras recibir residentes acordos de alteración da descrición catastral dos seus inmobles, o Concello precisa que se está a facer a modificación cartográfica das parcelas afectadas pola VAC

Un vehículo circula pola VAC Costa Norte. EFE/ELISEO TRIGO

O Concello de Viveiro anunciou a través dun comunicado de prensa de que tivo coñecemento a pasada fin de semana de que numerosos veciños recibiron unhas comunicacións do Catastro referentes a acordos de alteración da descrición catastral dos seus inmobles.

Tendo en conta que “non sabía nada ao respecto”, na mañá de hoxe o Concello púxose en contacto coa Xerencia Territorial do Catastro. Neste sentido, dende o goberno municipal “quérese informar en primeiro lugar de que mediante eses comunicados non se está a tramitar ningún tipo de expropiación“.

“Simplemente estase a realizar a modificación cartográfica das parcelas afectadas, no seu día, polas expropiacións da estrada LU-862 Ferrol-San Cibrao e da estrada CG-2.3 LU-862 San Cibrao-Celeiro, coñecida tamén como VAC, de acordo cos límites de expropiación levados a cabo naquel momento pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do Servizo Provincial de Lugo da Xunta de Galicia”, aclara o executivo municipal.

“No Catastro actual, a estrada LU-862 Ferrol-San Cibrao estaba cartografada co ancho de rodadura, é dicir, co ancho realmente asfaltado, sen ter en conta que a ambos lados da estrada hai unha zona de afección. No caso da VAC, o Catastro non tiña cartografada dita estrada, estando as parcelas afectadas a nome dos antigos propietarios”, concreta.

“Mediante esta comunicación estase a notificar a todas as parcelas e edificacións colindantes coas estradas referidas que se vai proceder a modificar a planimetría catastral para incluir nela as zonas de afección referida, sen que isto conleve novas expropiacións”, prosegue o Concello, que con todo lembra que “calquera veciño ou veciña poden dirixirse directamente á Xerencia Territorial do Catastro para solicitar información ao respecto”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here