Terceiro día sen positivos no Hospital; Ribadeo únese aos municipios sen casos nos últimos sete días

Son cinco os concellos da Mariña que rexistraron algún contaxio novo na última semana

Corredor do Hospital Público da Mariña. AXM

O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo baixa a 373, 28 menos ca onte, segundo o reconto ofrecido este venres polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Desde a anterior actualización detectáronse 18 positivos novos por PCR.

Dos 373 contaxiados, 33 permanecen ingresados (13 deles en coidados intensivos, todos no HULA). Os 20 pacientes con Covid-19 en plantas de hospitalización repártense entre o propio Hospital Universitario Lucus Augusti (16) e o centro hospitalario de Monforte (catro). O Hospital Público da Mariña segue libre de positivos, por terceiro día consecutivo.

No histórico da provincia documéntanse 206 defuncións, 11.174 altas e 11.757 contaxios acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 190.451 PCR, o que implica que desde o anterior reconto efectuáronse 627 probas.

No que atinxe á situación epidemiolóxica por municipios, O Vicedo, Xove, Ourol, Cervo, Foz, Ribadeo, Barreiros, O Valadouro, Alfoz, Trabada e Riotorto seguen sen casos confirmados nos últimos sete días.

Viveiro (cunha taxa de incidencia acumulada entre os 26 e os 75 casos nunha proxección a 100.000 habitantes), Burela (entre 11 e 25), Mondoñedo (entre 26 e 75), A Pontenova (entre 26 e 75) e Lourenzá (entre 126 e 250 positivos por 100.000 residentes) teñen entre un e nove contaxios confirmados no mesmo prazo dunha semana.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here