A Xunta admite que “non se erradicou” a couza da pataca na zona infestada e seguirá o veto do cultivo

O Goberno autonómico concreta que se rexistraron 43 capturas durante o 2020 nos concellos da Mariña onde está prohibido plantar o tubérculo, concentrando Burela "a maior parte"

Cervo poderá sementar patacas no seu termo municipal.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da XuntaJosé Balseiros, admitiu na na Comisión 7ª do Parlamento de Galicia que “non se conseguiu erradicar de forma absoluta a praga” da couza guatemalteca na zona declarada como infestada -da que forman parte dez concellos da Mariña– polo que “entendemos que debemos seguir aplicando as medidas como ata agora en todo o territorio“. Así, ante unha pregunta do PP, non concretou cando se poderá levantar a restrición do cultivo de pataca nos 17 municipios galegos que a padecen.

Preguntado polo do deputado popular Rubén Lorenzo sobre “cando prevé” a Xunta o “levantamento” das restricións que están impostas a día de hoxe, Balseiros concretou que “a maior parte” das capturas da couza da pataca que se están a dar actualmente “estanse a concentrar en dous municipios” galegos declarados como parte da zona infectada, A Laracha e Burela. O dirixente do Goberno autonómico precisou que, dos municipios galegos nos que está prohibido plantar o tubérculo -entre eles tamén O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Barreiros, Alfoz, Mondoñedo e Trabada-, en cinco -non citou os nomes- “presentouse unha única captura no 2020” e noutros cinco “presentáronse entre dúas e catro” nese exercicio.

Por provincias, na Coruña -onde padecen o veto Narón, Valdoviño, San Sadurniño, Mañón, Muxía, A Laracha, Carballo e Arteixo– rexistráronse no 2017 unhas 2.000 capturas que baixaron a 119, mentres que en Lugo a situación é máis favorable, pasando das 10.000 do mencionado exercicio ás 43 deste pasado ano.

BOA PARTE DA MARIÑA CUMPRIRÍA EN DECEMBRO CATRO ANOS SEN CULTIVAR PATACA

“En moitos dos concellos da zona infestada o número de capturas baixou notablemente, a mellora é evidente, pero o certo é que non se conseguiu erradicar de xeito absoluto a praga, polo que entendemos que debemos seguir aplicando as medidas como ata agora”, argumentou, lembrando que “atendendo ao decreto de contención e erradicación non se pode levantar a prohibición ata que transcurran dous anos sen capturas“.

Deste xeito, de continuar a restrición, os municipios mencionados da Mariña poderían cumprir en decembro catro anos sen poder plantar pataca.

Balseiros remarcou que “nos últimos dous anos intensificouse a colaboración co Ministerio de Agricultura e co Principado de Asturias, adoptando medidas de forma unánime”, e salientou que “nestes momentos estase a insistir no mostreo, no trampeo masivo tanto nas zonas infectadas como nas áreas tampón“, das que forman parte desde este 2021 Lourenzá, A Pontenova, Riotorto, Ribadeo e O Valadouro e desde xaneiro de 2020 o municipio de Ourol. Nestes termos municipais o cultivo está permitido cunha serie de obrigas de seguimento das plantacións.

Balseiros cuantificou en 170.000 euros as axudas proporcionadas pola Xunta para compensar ás explotacións pola retirada e destrución das patacas, que beneficiaron 1.200 produtores.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here