Mondoñedo e Trabada, puntos de parada da Ruta Castrexa para motoristas

É un percorrido de 450 quilómetros que seguirá treitos do Camiño Francés, o Camiño Norte e o Camiño Primitivo A marcha, organizada pola Asociación Motorista Lucense, puntúa para a Copa de España de Mototurismo.

Efrén Castro xunto a Manuel Arias e Yolanda Vázquez, líderes da Copa de España tras as probas disputadas na presentación da Ruta Castrexa / Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora, a través da área de Deportes, coa Asociación Motorista Lucense na organización da Ruta Castrexa, que se celebrará o 29 de maio. Unha proba que tamén pasará pola Mariña, concretamente, polos concellos de Mondoñedo e Trabada.

A proba, que puntúa para a Copa de España de Mototurismo, conta cun percorrido de 450 quilómetros, con punto de saída e chegada en Lugo e  cun itinerario que percorre distintas comarcas, seguindo o trazado de diferentes rutas xacobeas.

Ao longo do percorrido establécense dez puntos de selado e fotografía, lugares nos que as moteiras e moteiros terán que parar e selar os seus pasaportes de ruta para acreditar que completan a proba. Os puntos de paso obrigado para as persoas  participantes son o Museo Juan López Mella -na cidade de Lugo-,O Cebreiro, Sarria, Portomarín, Friol,  o Castro de Viladonga -no concello de Castro Riberas de Lea-, Mondoñedo, Trabada, Os Baos -no concello da Ribeira de Piquín-  e A Fonsagrada. Así, percorrerán treitos do Camiño Francés, do Camiño Norte e do Camiño Primitivo.

Na presentación da proba, esta mañá na Praza de San  Marcos, o deputado de Deportes destacou as sinerxias entre deporte e turismo, especialmente en modalidades como o mototurismo que, unha disciplina en auxe que, con esta proba, ofrece aos afeccionados e afeccionadas a oportunidade de desfrutar do patrimonio natural e cultural das distintas comarcas, desde A Mariña ata Sarria, desde a perspectiva privilexiada que ofrecen as motos”.

No acto participaron Manuel Arias e Yolanda Vázquez, piloto e copiloto, membros da Asociación Motorista Lucense, que lideran as súas respectivas clasificacións tras a disputa das tres primeiras probas da Copa de España.

A inscrición estará aberta ata o vindeiro 19 de maio, tanto para as persoas participantes na Copa de España, que terán que complementar o procedemento a través da web da Federación Española de Motociclismo (rfme.com) , como da páxina web da Asociación Motorista Lucense (motoristalucense.com).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here